Entrevista | Ángela Rodríguez `Pam´ Secretaria de Estado de Igualdade

“Debería existir unha policía especializada en violencia machista”

Ángela Rodríguez considera que a reforma da lei do ‘só si é si’ a través dun pacto entre o PSOE e o PP é un “atraso” para os dereitos das mulleres. A secretaria de Estado de Igualdade analiza as relacións entre os socios de Goberno tras esta polémica, as discrepancias coa Xunta de Galicia ou as perspectivas electorais da súa formación para o 28-M.

Ángela Rodríguez ‘Pam’, na redacción de EL CORREO GALLEGO / antonio hernández

Ángela Rodríguez ‘Pam’, na redacción de EL CORREO GALLEGO / antonio hernández / manu lópez

Hai un mes PP e PSOE aprobaron a reforma da lei de só si é si. Que valoración fai deste cambio?

A miña valoración é negativa. Acabamos de coñecer un estudo científico que avala as teses do Ministerio de Igualdade, no que se explica que cando unha muller é violada, existe unha paralización absoluta do corpo. Isto non pode significar consentimento. Cando facemos reformas penais que obrigan os xuíces a ter que buscar feridas para amosar que unha muller foi violada, é un atraso. Confío en que poidamos reverter nalgún momento este pacto do PSOE e do PP contra as mulleres.

A reforma xustificouse polas rebaixas de penas a agresores sexuais. Entendeu o alarmismo que se xerou?

Eu comparto moito a preocupación que moitas mulleres tiñan ao respecto desta situación, pero é importante sinalar dúas cousas. Esta reforma non serve para evitar as rebaixas de penas. É unha reforma que simplemente vai modificar o que pasa a futuro. En segundo lugar, por suposto, todas as vítimas teñen dereito a estar molestas. Hai que pedir desculpas, pero isto é un efecto provocado polas decisións xudiciais, non polo texto da norma. A maioría de xuíces teñen decidido o contrario, que non había que rebaixar as penas.

Vostede recibiu críticas por algúns comentarios a respecto da reforma. Estaban xustificadas?

Eu fixen comentarios ao respecto dos argumentos da extrema dereita. Se eses comentarios poden sentar mal a alguén, hai que pedir desculpas. Pero aquí o importante é ver que podemos facer para traballar pola protección das vítimas. Dende que hai excarceracións polas decisións xudiciais, por exemplo, puxemos dispositivos de seguridade para que haxa un control extra.

No medio da polémica houbo un cruce de declaracións coa Xunta e o seu papel nos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual. Houbo algún avance?

A Xunta de Galicia é o peor goberno para as mulleres. É o goberno que vai máis atrasado na construción destes centros de crise. Levamos meses, anos intentando que a Xunta nos dea información de cando pretende poñelos en marcha. Ademais, teñen os cartos. Nin sequera son cartos da Xunta, son do Estado. A resposta sempre é o silencio. Non sabemos onde van estar, non sabemos como van ser. Creo que Rueda non se pode permitir facer ningunha crítica ao Goberno do Estado en materia de atención ás mulleres cando ten os cartos e non constrúe os recursos para as vítimas.

E as relacións do Ministerio de Igualdade coa Xunta son boas?

Son correctas, pero si debo lembrar que a conselleira do ramo nunca acudiu a unha conferencia sectorial nin a unha soa reunión das que celebrou o Ministerio de Igualdade. É a única conselleira, incluídos todos os gobernos do PP, que non o fixo.

Tras a reforma da do só si é si, como é a relación entre os socios do Goberno?

Non é a primeira vez que o PSOE pacta ou intenta pactar cousas co PP. Somos socios de goberno con discrepancias, por iso para nós nestas eleccions é absolutamente fundamental que Podemos entre con forza en todos os gobernos, é a única forma de condicionar o que foi o PSOE. Cando considera que ten as mans libres, ten sempre moitas tentacións de pactar coa dereita.

Vai supoñer un obstáculo a tensión xerada con este asunto á hora de sacar adiante outras medidas?

Temos discrepancias. Un exemplo moi claro é o que está sucedendo con Vinícius agora e cos insultos racistas. O Ministerio de Igualdade tamén ten competencias en antirracismo e levamos dous anos para intentar levar unha lei antirracista ao Consello de Ministros.

É España un país racista?

Si, como tamén é machista, ou como tamén existe lgtbifobia. Temos que ir un paso máis alá e cambiar as políticas que permiten que o racismo sexa estrutural. Esta semana acabamos de lanzar o teléfono 021, que funciona como o 016 para as violencias machistas, pero no ámbito do racismo. Queremos que todas as persoas que poidan estar sufrindo agresións racistas poidan denuncialas e teñan acompañamento.

Que medidas quedan pendentes nestes seis meses de lexislatura?

Queremos seguir profundizando na corresponsabilidade, pensamos que cambiar en mans de quen están os coidados é fundamental para mudar a economía do noso país. Precisamos ensanchar o máximo posible os servizos de coidados públicos. É preciso abrir un debate sobre quen coida máis, quen fai as tarefas na casa. De aí o lanzamento desta aplicación para repartir as tarefas que tanto molestou a algúns, supoño que porque eles non son os que fan a cama ou a comida.

Como vai funcionar?

Vai estar en marcha no verán e vai ser gratuita e sinxela de utilizar. O fundamental é que permita abrir esta conversa. Cando provoca tantas opinións en contra e a favor, simplemente co anuncio, isto fala da necesidade que temos de abrila.

Este ano levamos 19 asasinatos machistas. Que sigue fallando?

Moitas mulleres non confían nas institucións. Esta é unha reflexión que temos que facer con autocrítica todas as administracións. Cada vez máis mulleres chaman ao 016, pero cando estas mulleres queren poñer unha denuncia, algo falla. Falta que as mulleres estean moito máis acompañadas dende o primeiro momento. Tamén pensamos que ten que existir unha policía especializada en violencia, non soamente unha unidade.

Falta formación tamén?

É evidente que neste país todo o mundo precisa máis formación en materia de violencia machista. Non o digo eu, faino a ONU. Moleste a quen moleste, cando se aproban leis novas isto implica formación en todos os ámbitos. . O problema está en asumir que dicir que fai falta máis formación implica que eses operadores antes eran machistas. Ninguén está dicindo iso.

Na UE están encallados algúns instrumentos contra a violencia machista. Cal vai ser o papel da presidencia española neste eido?

España é un referente en políticas feministas e, polo tanto, temos moitas discrepancias cos países que están á cola no caso europeo. Tentaremos negociar para que polo menos haxa uns estándares mínimos para que a vida das mulleres europeas estea protexida. O que está sucedendo en Polonia ou Hungría tennos que facer ser moi conscientes do perigosas que son as posicións que teñen aquí Vox e o PP. Imos tentar amosar como a marca España tamén é o feminismo e reverter todos eses intentos de recortes que van facendo as dereitas onde gobernan.

Para o 28-M as perspectivas non son boas para Podemos. Que agarda destas eleccións?

Quedan días para a campaña e hai que esforzarse moito. En Galicia temos que facer moito máis esforzo aínda, pero si creo que a existencia de Podemos nos concellos é fundamental. Veño de Pontevedra, onde levamos 24 anos de goberno do BNG. A cidade está preciosa, pero hai un fracaso absoluto de modelo da política social. Neste tipo de concellos, é preciso que entre Podemos para poder condicionar esas políticas públicas. Galicia, Galicia, Galicia, é un lema que comparten moitas veces BNG e PP, pero tamén ten que significar que as políticas teñen que ser para a xente, para a xente, para a xente. Iso soamente se consigue se Podemos está condicionando que os gobernos protexan á cidadanía, como estamos facendo no Goberno do Estado.

Un asunto aparcado durante esta campaña é a negociación para as xerais entre Podemos e Sumar. Cre que haberá acordo con Yolanda Díaz?

Estou en Galicia, non me cabe dúbida. Que vou dicir de Yolanda? Para nós é a nosa candidata e estamos contentísimas de que estea facendo campaña con Podemos. Apoia todas as candidatas de Podemos en Galicia e en canto rematen estas eleccións, a traballar para o que vén.