Francisco Asorey será o homenaxeado no Día das Artes Galegas 2024

O cambadés está considerado como unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX

Francisco Asorey será o homenaxeado no Día das Artes Galegas 2024

Francisco Asorey será o homenaxeado no Día das Artes Galegas 2024 / RAGBA

Redacción

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) dedicará o Día das Artes Galegas ao escultor cambadés Francisco Asorey. Así se decidíu o pasado sábado nunha sesión ordinaria da institución no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).

Manuel Quintana Martelo, presidente da RAGBA, explica que Asorey é un personaxe da arte que debía ser homenaxeado na efeméride das artes galegas.

“Falar de Francisco Asorey, vinculado á RAGBA e á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, é falar da escultura galega por antonomasia. É a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado”, destaca o presidente.

Quen foi Francisco Asorey

Nado en Fefiñáns, Francisco Asorey González (Cambados, 1889 – Santiago, 1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX.

Estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo (Bizkaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entrou en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agradou moito. Alí coñeceu e fixo moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e comezou os seus primeiros traballos artísticos de relevancia.

En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cidade á que se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval).

Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas ‘Picariña’, ‘Naiciña’, ‘O Tesouro’, ‘Ofrenda a San Ramón’, ‘A Santa’ e ‘San Francisco’ (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).

Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar creou os grandes monumentos de ‘Loriga’, ‘Curros Enríquez’, ‘Virxe de Tanxil’... A represión da guerra civil lévalle a moitos dos seus amigos, como Camilo Díaz Baliño, e viviu eses anos nun plano discreto. Adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe, pero tamén afronta encargas de gran calidade, como a ‘Piedade’ para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.

Foi proposto como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes por José Baldomir Rodríguez, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Eladio Rodríguez González, nomeado por unanimidade o 23 de abril de 1944 e tomou posesión o 9 de novembro de 1947 na sede da Academia. En 1957 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.

Homenaxeados no Día das Artes Galegas

Este día foi creado pola RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, que naquel tempo (1 de abril de 1188) dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. De aí que o Mestre Mateo fose o primeiro persoeiro en ser distinguido na primeira edición da efeméride.

En anos anteriores homenaxeáronse figuras como:

  • Martín Codax
  • José Otero Abeledo “Laxeiro”
  • Domingo de Andrade
  • Luis Seoane
  • Alejandro de la Sota
  • Maruja Mallo
  • Alfonso Daniel Rodríguez Castelao