Primer Plano

Sanidade cre improcedente falar de desescalada con 248 pacientes na UCI

O conselleiro Julio García Comesaña afirma que malia que estamos a ver unha clara tendencia descendente en casos activos e contaxios de COVID, “hai que seguir esforzándose”. Recoñece a súa preocupación polos discursos negacionistas. Logo da sentenza de Euakadi sobre a hostalaría, volve reclamar unha normativa específica para as comunidades

  • 10 feb 2021 / 11:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

“Hai que seguir esforzándose” para conter a pandemia de COVID en Galicia. Esa foi a mensaxe trasladada este mércores polo conselleiro de Sanidade, que compareceu públicamente para analizar a situación epidemiolóxica, logo da reunión de onte do comité clínico. Julio García Comesaña cre que non é “procedente” falar dunha desescalada, cando o nivel de incidencia é de 530 casos por cada 100.000 habitantes, lonxe dos 250 que establece a ONU para dar por controlada a pandemia.

O conselleiro, que quixo agradecer o traballo que están a facer os sanitarios, foi preguntado por esta cuestión despois de que hoxe, na sesión de control do Parlamento de Galicia, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciara unha desescalada “medida” e “gradual” para “non dar pasos en falso”.

García Comesaña sinalou que se ben se está a rexistrar unha importante diminución dos novos contaxios e dos casos activos, así como dos ingresos en planta, non ocorre o mesmo polo momento coa ocupación das UCI, tal e como xa se agardaba. A taxa de positividade está no 6%, cando hai unhas semanas chegou ao 12%. Adiantou o conselleiro que xa rematou a vacinación nas residencias, tanto de usuarios como de traballadores, así como dos sanitarios de primeira liña. Hoxe comezou entre os sanitarios que non son de primeira liña.

Confirmou que as primeiras 11.100 doses da vacuna de AstraZeneca que xa están en Galicia, serán administradas mañá mesmo ao servicio de traballadores de axuda no fogar menores de 55 anos, en paralelo co resto de grupos xa establecido. Tamén destacou a boa acollida que están a ter os cribados por saliva nas oficinas de farmacia da provincia de Pontevedra, nos que participan o 89% delas. Esa boa resposta, dixo, é a que está adiando a estensión da iniciativa ao resto de Galicia pola necesidade de máis material do previsto inicialmente.

Por outra banda, García Comesaña referiuse ás declaracións feitas polo xefe da área de Alergoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense. Carlos González de la Cuesta referiuse ás vacinas como “un experimento xenético” e rexeitou a “vacinación obrigatorio”. O conselleiro recoñeceu que “nos preocupan profundamente este tipo de discursos que poden xerar dúbidas na poboación sobre a necesidade de vacinarse. Foron declaracións feitas no ámbito privado, e facendo uso da liberdade de expresión”. En calquera caso, confirmou que están a analizalas por se poideran ser constitutivas dun expediente informativo.

Tamén foi preguntado o conselleiro pola sentenza de Euskadi, logo de que a Xustiza autonómica aceptara cautelarmente a petición das asociacións de hostalaría, e lles permita a reapertura dos locais malia as restricións. García Comesaña mostrouse “sorprendido” e volveu reclamar unha normativa específica para que as comunidades autónomas lle poidan facer fronte a unha pandemia como esta. Cre que “hai un risco na hostalaría e un risco na mobilidade que xenera a hostalaría. Non temos ningunha dúbida de que inflúe na transmisión do virus”.

No tocante ás elevadas cifras de falecementos en Galicia a consecuencia do COVID nas últimas semanas, o responsable de Sanidade fixo fincapé en que “no que vai de ano Galicia ten o valor máis baixo da España peninsular, e iso é froito dun gran esforzo por parte dos sanitarios. Nestas semanas cando estamos co pico de ingresos se produce o pico de falecementos, pero seguimos a ter a menor taxa de mortalidade da península”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.