O Museo do Pobo Galego acollerá este mércores a experiencia “Cambiar de pel: realidade virtual para a empatía”, unha proposta que forma parte de Compostela máis Solidaria, programa que desenvolve a Coordinadora Galega de ONGD co financiamento do Concello de Santiago, a través da UAMI, a Oficina Municipal de Atencións ás Migracións.

Trátase dunha experiencia práctica, de carácter inmersivo, que ofrece un contacto directo coa realidade de varias persoas migrantes vinculadas á onegué Ecos do Sur, a responsable da actividade.

"Cambiar de pel: realidade virtual para a empatía" Cedida

A imersión sensorial conséguese grazas a o uso dunhas gafas de realidade virtual que permitirán aos participantes "entrar nunha serie de relatos concretos, nunha actividade que vai máis alá da realidade virtual, xa que está mediada por persoas que van facer que os participantes vivan experiencias sensoriais", explica Ruth Sousa, técnica de comunicación da Coordinadora Galega de ONGD.

Nela, os participantes coñecerán de primeira man "a realidade que viviron usuarios da onegué Ecos do Sur, a través de experiencias reais relacionadas co que supón ser migrante en Galicia, que teñen que ver coa chegada, co acceso a vivenda e con determinadas situacións da vida que poden parecer moi convencionais para nós, pero que cando un chega de fóra teñen unha serie de condicionantes".

O obxectivo desta actividade é "buscar empatía como maneira de conectar con outras realidades e entendelas en toda a súa dimensión humana" e "que a tecnoloxía se poña ao servizo da humanidade" para evitar que o descoñecemento que podemos ter neste ámbito desenvoque en "desconfianza, rexeitamento, medo...actitudes que susteitan discursos de odio que poden chegar a ser a antesala de accións máis graves", comenta Ruth Sousa.

En definitiva, trátase dunha "experiencia que permitirá coñecer o que supón ser migrante e especialmente poñelo en contraste co que un cre que é ser migrante", finaliza.

A sesión téra lugar na zona do claustro en horario de mañá (12:00 a 14:00 horas) e tarde (16:00 a 18:00). A idade mínima recomendada para participar nas sesións é de 12 anos.