A Organización Mundial da Saúde recoñece o uso das augas mineromedicinais como terapia médica desde 1986. Así, en diversos países da Unión Europea, como Francia, Alemaña, Portugal ou Italia, hai unha tradición moi arraigada neste tipo de tratamentos, que están incluídos dentro da carteira de servizos da Sanidade pública. 

Non ocorre o mesmo en España, nin en Galicia, onde a inclusión da balneoterapia no sistema público de saúde para o tratamento de determinadas doenzas crónicas sería de gran valor para toda a sociedade. Resultaría moi beneficioso para os pacientes afectados de problemas crónicos ou en fase de rehabilitación, que mellorarían a súa calidade de vida; para a Administración, que podería reducir gasto sanitario e farmacolóxico; para os balnearios, que se situarían ao mesmo nivel que os seus homólogos europeos; e para as comarcas nas que se atopan os centros termais, nas que se incrementaría o seu efecto dinamizador.

Cómpre lembrar que as propiedades salutíferas dos mananciais galegos xa eran coñecidas desde tempos anteriores á conquista romana. Mais houbo que agardar ata as primeiras décadas do século XX para que Galicia se sumara á idade dourada que estaba a vivir o termalismo en toda Europa. Porén, tras a Guerra Civil, os balnearios galegos comezaron un proceso de crise que supuxo o peche dalgúns e o esmorecemento dos que conseguiron sobrevivir.

A finais dos anos 80 a oferta termal galega adquiriu unha nova vitalidade, adaptando a riqueza termal dun recurso con propiedades terapéuticas e a milenaria tradición de “tomar as augas” con novas técnicas e modernos tratamentos, converténdose en complexos de saúde e benestar. Esta evolución baseouse nos principios básicos comúns a todos os balnearios: augas mineromedicinais, servizos médicos e instalacións axeitadas para levar a cabo os tratamentos prescritos.

Na actualidade, Galicia conta con 20 balnearios en activo, que se atopan principalmente no interior, onde desempeñan unha importante función como dinamizadores sociais e económicos das economías locais e comarcais. Ademais, os balnearios dispoñen de modernas instalacións con persoal cualificado, o cal, engadido á calidade das augas mineromedicinais e ao amparo da estrita normativa vixente sobre o seu uso, converten a Galicia en referencia de prestixio no turismo de saúde.