Ghuasapp, a nova comedia da produtora CTV chega esta noite, a partir dás 22.00 horas, á Televisión de Galicia (TVG). A serie narra a vida dos Freire, unha familia dunha vila rural galega moi unida ata que comparten unha noticia no grupo de Whatsapp familiar.

A familia Freire está encabezada polos avós, Lolo (Evaristo Calvo) e Carme (Mercedes Castro), unha parella de xubilados formada por un exmariñeiro e unha matriarca devota do San Benitiño que teñen tres fillos: Sindo (Xoel Fernández), un perruqueiro divorciado cunha filla adolescente; Benito (Fernando Tato), coñecido como Beni, cantante frustrado e taxista de profesión; e Rosa (María Mera), unha psicóloga, agora influencer que vive en Londres co seu marido John (Diogo Sales), un cirurxián que non pode exercer. O clan completase con Nerea (Marta Costa), filla de Sindo, que é a neta responsable e coach tecnolóxica da familia.

A serie, creada a partir dun modelo de realización multicámara, está composta por 30 capítulos de 25 minutos cada un, dos cales xa se poden visualizar os oito primeiros na plataforma de A Galega. Trátase dunha idea orixinal da guionista ourensá Alba Araújo, que traballou noutras producións como O Faro, Los Hombres de Paco ou Motel Valkiria, e é dirixida polo noiés Luis Avilés Baquero, coñecido polo seu traballo en + Cuñados, Operación Marea Negra: La travesía suicida e Galicia Exprés. Ademáis, á fronte do equipo técnico, na produción executiva, atópanse Ghaleb Jaber Martínez e Xosé Arias. No proxecto tamén participan os guionistas Luis Miles, Raquel Arias, Raquel Nogueira e Manuel Darriba.