O programa Traes unha cantiga? (TVG, mércores, 22.00 horas) gravouse na localidade do Grove, onde a música de taberna é habitual ao longo de todo o ano, aínda que tamén coa celebración de varios certames en diferentes épocas do ano. Os grupos de canto de taberna nesta vila están tamén moi vencellados as festas de nadal e como comparsas de entroido. O concurso desenvolvese nesta ocasión na taberna El Patio desta localidade. Os grupos participantes deste cuarto Traes unha cantiga?, que presenta Noelia Rey, son O Firrás, A banda do Sequio e Madialeva.

O Firrás naceu como grupo de cantos de taberna no ano 2016, pero varios dos integrantes xa estaban antes nunha comparsa do mesmo nome creada hai uns 40 anos. Empezaron a cantar polos bares do Grove que frecuentaban, ata que o Concello lles propuxo contratalos para unha actuación. Ao principio, cantaban principalmente habaneiras e boleros, pero, ao darse conta de que as novas xeracións non coñecían estas pezas, foron mudando cara outros estilos, como as cantigas de grupos como A Roda ou Treixadura. A súa primeira aparición en televisión foi no programa Ribeiras de Salitre da TVG. Adoitan entregar os cartos que conseguen nas actuacións para causas benéficas. A cantiga elixida por eles é A Dorniña, peza popular composta por Manuel Uhía, un veciño de Portonovo, para a súa comparsa. Moita xente coñécea polo nome Os meus amores. O Firrás está formado por 15 homes e a súa instrumentación fórmase con laúde, guitarra, baixo, acordeón e pequenos instrumentos do estilo de maracas.

A banda do Sequio, pola súa banda, está integrado por varios veciños do Grove, varios dos cales proceden de orquestras como a Panorama, a Palladium ou a Costa Oeste. Uníronse no 2016, para participar no ciclo de cantos de taberna que se celebra na vila do Grove, e foron medrando ata chegar a gravar o seu propio disco, Festa rachada, en 2018. A cantiga elixida para o concurso é Quen puidera namorala, poema celebre de Álvaro Cunqueiro, que foi musicado por Luis Emilio Batallán en 1975. O grupo fai unha versión máis pop, que a versión de Batallán, máis lírica. A banda do Sequio a integran 14 membros e utilizan a instrumentación de batería, baixo, dúas guitarras e acordeón.

Por último, Madialeva nace no concello de Meis en 2010, por tres mulleres que escoitaban cantar ás súas nais dende moi pequenas nas sobremesas e decidiron poñer en valor esta tradición feminina. Ducia e unha foi o título do seu primeiro disco, bautizado con este nome por ser o número de integrantes do grupo no ano 2013. Algunhas cantareiras das que estaban naquel entón foron marchando e outras novas foron chegando. Así, a día de hoxe, son un total de 16, procedentes de diferentes localidades do Salnés. Todas elas compatibilizan os seus respectivos traballos coa súa paixón pola música. Cantan principalmente temas propios, pero tamén inclúen no seu repertorio algunhas pezas populares, aínda que con adaptacións nas letras. A cantiga elixida é A saia da Carolina, peza popular amplamente coñecida por toda Galicia e norte de Portugal.