Síguenos en redes sociales:

O segredo da felicidade

O WORLD HAPINESS REPORT 2023 ou Informe Mundial da Felicidade que elabora cada ano a Rede de Solucións para un Desenvolvemento Sostible, vinculado á ONU, volve a colocar a Finlandia coma o país mais feliz do mundo, seguido por Dinamarca e Islandia. España atópase lonxe do top dez, no posto 32, tres por debaixo do ano pasado e con morriña do posto 24 que ocupou no ano 2021. 

Os países nórdicos son os gañadores dende a primeira edición da lista que data do 2012, e ocupan sempre cinco dos dez primeiros postos. No extremo contrario, aqueles países máis infelices que son: Afganistán, Líbano, Serra Leoa, Cimbabue e a República Democrática do Congo. 

Esta idea de medir a felicidade nace ao abeiro da necesidade de poñer o benestar no centro da axenda. Os informes desenvolvidos amosan un resultado interesante, que é que as sociedades con altos niveis de confianza son mais felices e resilientes fronte a unha crise que aquelas que desconfían dos iguais e das súas institucións. Mais non só, as principais variables que contribúen a explicar as avaliacións de vida son o PIB per cápita, o apoio social, a esperanza de vida con boa saúde, a liberdade a xenerosidade e a ausencia de corrupción. 

Finlandia aumenta a súa puntuación ano tras ano. A transformación do urbanismo finlandés axudou a que a cidadanía desenvolva un modo de vida saudable e seguro, o que afonda no tema da necesidade da promoción da saúde, un modelo que está estreitamente relacionado coa sustentabilidade e a conexión das persoas coa comunidade da que forma parte. É fundamental cultivar o sentimento de pertenza ao grupo e o orgullo de ser. Ademais, o país mais feliz do mundo conta cun sistema educativo público de alta calidade, un sistema de saúde punteiro e a conciencia de que o maior disolvente social atópase nas desigualdades. Neste senso, Finlandia é un dos países con menor desigualdade e aquel no que a fenda salarial entre homes e mulleres practicamente non existe. Os dereitos dos menores ao nacer configúranse de xeito que a corresponsabilidade e socialización da crianza son un feito. Sen esquecer o coidado e o mimo que prestan ao medio ambiente. 

Semella que o segredo da felicidade está revelado e moitas das cuestións que se apuntan para a súa consecución forman parte da Axenda Urbana 2030 que se está a desenvolver en Compostela. O desenvolvemento sustentable debe acompañarse cun maior énfase no benestar. Cómpre, pois, avanzar nos eixos definidos para acadar unha maior felicidade.

Pulsa para ver más contenido para ti