{ olladas ao país }

Arsenio na selección galega

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

TEÑO ESCRITO que os tres principais caracteres que definían Arsenio Iglesias eran a súa profesionalidade (“orde e talento”), a súa empatía humana e máis o seu sentido comunitario ou, se vostedes o prefiren, cívico, de veciñanza, cidadán ou patriótico.

A ese sentido cidadán ou patriótico adscríbese o compromiso de Arsenio Iglesias como primeiro coadestrador, canda Fernando Vázquez, da selección nacional galega, nomeado en novembro de 2005 logo de 75 anos de vacancia tanto no cargo como na participación deportiva, mesmo en amigábeis, da nosa selección.

Reactivar a participación da nosa selección nacional foi dos primeiros obxectivos do Goberno de coalición BNG-PSdeG tan logo entrou em funcións en agosto de 2005. Constituía, dende logo, un proxecto de País asumido e promovido por algunhas das principais empresas de Galicia e nomeadamente activado pola ponla BNG do Goberno galego: o vicepresidente da Xunta Anxo Quntana, a conselleira Ánxela Bugallo e máis o director xeral de Deportes, Santi Domínguez, que sería substituído na primavera de 2007 por Marta Souto.

Mais a principal achega que fixo posíbel aqueles tres anos e catro eventos da selección galega foi a dos xogadores daqueles catro xogos inesquecíbeis (Galicia 3-Uruguai 1-2005-, Galicia 1-Ecuador 1 -2006-, Galicia 1-Camerún 1-2007- e Galicia 3-Irán 2 -2008-). E a dos dous adestradores da selección nacional: Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez.

Santi Domínguez, á fronte da Administración deportiva galega naquel 2005, transmitiulles a Arsenio e a Fernando que a fasquía deportiva e futbolística do noso País esixía unha dupla equipa adestradora e unha dupla capitanía, único xeito de representar o equilibrio Dépor-Celta/Celta-Dépor do fútbol profesional galego. Velaí que, canda eles dous como adestradores, foran nomeados cocapitáns Fran e Michel Salgado. Abofé que o coliderado no banco e no vestiario funcionou ben a xeito.

Nin Arsenio nin Fernando cobraron um euro polo seu labor naqueles tres anos longos. Os xogadores tampouco; só recibiron pequenos e simbólicos agasallos. Mesmo Nacho Novo custeou o seu vóo dende Escocia para chegar a Riazor a tempo para xogar contra Irán.

Arsenio Iglesias foi fulcral (canda Vázquez e os demáis) na xeración deste clima colectivo tan positivo, que se reflectía nas ducias de milleiros de seareiros dos tres principais estadios galegos e a carón da TVG. Sabía, porén, que non faltaban minorías que rexeitaban que Galicia contase cunha selección de noso e que algúns deses adversarios non estaban exentos de forza social e política. De feito, foron quen a rachar coa traxectoria da selección nacional tan logo chegaron á Xunta, no 2009. Mais Arsenio nunca recuou e sempre asumiu aquel compromiso a prol da nosa selección.

Se certo é que o deportivismo e máis a cidade da Coruña adebédanlle o nome do seu Estadio a Arsenio, tan certo é tamén que Galicia adebédalle pór en pé outravolta á nosa selección nacional.