{ tribuna }

E isto, a quen lle importa?

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

O NEURÓLOGO e fellow en ciruxía por Harvard Mario Alonso Puig, docente no curso de Experto en Intelixencia Emocional e Benestar Organizacional que organiza a USC, coa colaboración de U.na grupo, adoita dicir que a medicina é unha profesión moi importante porque consegue cambiar un feito puntual da vida das persoas, mais a profesión mais importante é a educación, por ser a única capaz de cambiar a vida enteira.

A falta de conciencia social sobre isto que afirma o Dr. Alonso ten o seu reflexo no recente informe da OCDE relativo ao Sistema educativo español, no que se apunta á falta de atención e acción dirixidas aos centros escolares públicos e en concreto ao alumnado mais desfavorecido dende o punto de vista socioeconómico.

O abandono escolar temperá é a antesala da exclusión social e, a medio e longo prazo, acaba xerando inseguridade laboral, falta de motivación e a imposibilidade de enganche no mercado laboral. Porén, o caldo de cultivo perfecto para alimentar a elevada taxa de paro e pobreza xuvenil.

Malia que na última década o sistema conseguiu diminuír a taxa de abandono –dende o inexplicable 28% ate o 13,9% das persoas entre 18 e 24 anos–, segue estando varios puntos por riba do 9,3% de media na UE. Este fenómeno non afecta por igual a todo o alumnado. A escala individual é determinante o fogar no que nacen as persoas para explicar as taxas de abandono escolar, mais tamén o nivel educativo das nais, si, das nais. As nenas e nenos que teñen unha nai con estudos primarios ou menos, teñen dez veces mais probabilidade de abandonar a escola de xeito temperá que aqueles cunhas proxenitoras con estudos terciarios, sexan universitarios ou de formación profesional de grao superior. Acaso reparou alguén nisto? Non habería que actuar a dous niveis, proxenitoras e descendentes? Hai algún programa público enfocado nisto?

Por non haber non hai nin unha definición única sobre o que se considera alumnado vulnerable ou con necesidades específicas de apoio educativo. Se a isto se lle engade a precariedade do profesorado e a inestabilidade docente, a limitación da atención individualizada que o estudantado precisa é un feito. A maiores hai que reflexionar sobre a necesaria apertura dos centros alén da quenda de mañá, pois está demostrado que a ampliación da permanencia no centro educativo mellora as taxas de aprendizaxe e de éxito.

Cómpre tomarse en serio o sistema educativo público e orientar os recursos na dirección correcta, ao tempo que ofrecer apoio e recoñecemento ás persoas docentes, mais aínda a aquelas que teñen vocación de ser mestras. Son a base da pirámide e da súa solidez dependerá tamén a do edificio persoal e social que se constrúa.