{ opinión }

Lei da Cadea: contratos rexistrados, contratos respectados

Roberto García

Roberto García

DESDE O PASADO 30 DE XUÑO é obrigatorio rexistrar os contratos de compravenda que os operadores asinan cun produtor primario agrícola ou gandeiro. E iso co fin de garantir o cumprimento do obxectivo da Lei da Cadea Alimentaria, que é incrementar a protección aos produtores primarios e as súas agrupacións. O rexistro de contratos pon ao dispor das autoridades en materia de cadea alimentaria un instrumento que facilitará as tarefas de inspección e a tramitación dos posibles procedementos sancionadores.

As leis, todas elas, están para cumprirse, e unha lei sen réxime sancionador nin posibilidade de control quedará en papel mollado. Vímolo no seu momento cos prazos de venda, na primeira Lei da Cadea de 2013: sen o réxime sancionador e sen a AICA como organismo de control non servía para nada. Prohibíase vender produtos frescos máis aló de trinta días, pero sen estes instrumentos o incumprimento era gratuíto e invisible.

A contratación por escrito é obrigatoria desde 2013, pero é agora, dez anos despois, cando o sector e a Administración contan cun instrumento que vai asegurar que os contratos se asinan conforme á Lei. Ata o de agora era imposible comprobar se os contratos asinábanse antes de iniciarse a relación comercial. Agora xa non.

Alguén dubida de que o sector primario é a parte da cadea que necesita máis protección por estar exposta ás presións do resto de compoñentes da mesma? Non cabe poñer ningún pero ao rexistro, aducindo que poida supoñer unha carga administrativa porque canto máis preciso ou xusto se quere ser, máis necesidade hai de que o proceso sexa garantista e moitas veces, nos inicios, iso require un esforzo.

O control da normativa supón cargas administrativas para os administrados. No caso do sector primario xustifícase sobradamente o custo que supón subir á plataforma en liña os contratos que se asinan, coa constatación da seguridade de que son asinados, de que cando un agricultor entregue un produto coñeza o seu prezo e as condicións da entrega.

Para UUAA este rexistro é unha boa noticia, como o son a prohibición da venda a perdas ou as sancións que se impoñen aos que incumpren, así como a publicidade das mesmas. Son medidas que perseguen mellorar a protección dos produtores, que levan décadas sufrindo un crecente desequilibrio en favor da industria e a distribución. Creemos que todos estes cambios conforman unha mellor cadea agroalimentaria para todos, especialmente produtores e consumidores. Finalmente, na cadea alimentaria impoñerase a lóxica (e a Lei) e os agricultores e gandeiros seremos cada día máis respectados e protexidos.