Opinión | { CIFRAS E LETRAS }
Eloxio e envexa da lentitude
SEGURAMENTE non escribiría este artigo se non fose agosto e non tivese ao redor e na miña vida algo de descanso. Moita xente aproveita as súas vacacións para ir de aquí cara alá, tentando vivir nunhas poucas semanas a vida que lle resulta imposible durante o resto do ano. Adoitan ser intentos vans, pero a vida está chea de moitos máis intentos que logros.
Pode que tampouco elixise este tema se non fora porque alguén moi ocorrente pintoume no muro da casa: “Fai un plan, deixa de correr”. Gustaríame saber que plan faría para non correr se o pillara coas mans no spray. En todo caso, a frase da que pensar, teño que recoñecelo, e inspiroume este artigo, así que sigo ao meu.
Seguro que teñen escoitado falar do “Slow Movement”, un movemento que proclama as virtudes da lentitude. A tecnoloxía acelera os nosos pasos, e diante da súa tiranía esta corrente cultural e filosófica avoga por retardar as nosas vidas. Non se trata de deterse, senón de non correr, ou non correr tanto. O difícil é pasar da teoría á práctica.
Ás veces pensamos que a lentitude e o éxito son incompatibles, pero non é certo. Na primeira entrevista que La Voz de Galicia lle fixo ao recentemente falecido Luís Suárez, este recoñecía que lle gustaba máis a vida da Coruña que a de Barcelona, por ser máis alegre e tranquila. “En Barcelona todo é máis apurado, e os xogadores están moi vixiados”, dixo. Todo é relativo na vida, iso si. Moi vixiados non debían estar, cando noutro momento da entrevista relata o seu día a día, dicindo que consistía en levantarse ás dez, despois ir adestrar e logo tomarse unhas cervexas antes de comer. A tarde libre, recoñeceu tamén. Desde logo, non parecía moi estresante entón a vida de futbolista.
Na película O amor menos pensado, Eloy, un dos actores secundarios, confesa que lle gusta a rutina, que todo siga igual. “Iso é o único que me move, estar quieto”, conclúe. Pero se iso foi posible algún día, hoxe xa non é así. Agora para estar quieto hai que moverse rápido; tanto, que un acaba tendo a sensación de non facer nada a fume de carozo.
Cóntase dun lord inglés que cando ía camiño da súa casa de campo un venres pola tarde, coa idea de pasar a fin de semana xogando ao golf, recibiu unha chamada de teléfono que contestou con pachorra. Ao descolgar, oíu a voz dun empregado, con evidente axitación: “señor, sinto dicirlle que está a arder a súa fábrica”. Vaia desgusto vou ter o luns, respondeu o lord, facendo gala da súa extraordinaria flegma británica.
Eu, entre o lord e o sabio tranquilo, como definiu Antoni Zubizarreta a Luís Suárez, quedo co meu paisano. É máis, estou convencido de que en Galicia aínda existe un pequeno reservorio da vida lenta. Oxalá, esta si, fose unha pandemia.
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto
