{ TRIBUNA LIBRE }

Casa da Troya: un museo vivo que fai 30 anos

Benigno Amor

Benigno Amor

O histórico Teatro Principal da Rúa Nova acolleu o concerto conmemorativo do trixésimo aniversario de La Casa de la Troya, un espectáculo de dúas horas protagonizado por Troyanos de Compostela, a agrupación musical de pulso, púa e percusión que naceu ao abeiro do propio museo hai dez anos. O programa incluía repertorio tradicional da tuna e músicas do tempo da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín –publicada en 1915–, un texto que conta as peripecias, troulas e amores dos universitarios en Santiago a finais do s. XIX. Durante a función proxectábanse estampas da primeira película baseada no devandito relato, dirixida polo propio Lugín e estreada en 1925, combinadas con outras imaxes do docudrama que fixeramos antes da pandemia. Unha parella de Cantigas e Agarimos, agrupación folclórica que xa aparece na cinta cinematográfica, bailou a Muiñeira de Ponte Sampaio. Entre tanto, Casimiro Barcala –senlleiro personaxe que é un estudante de Dereito– interpretaba fitos escollidos da obra. Toda a posta en escena rezuma tradición galega, universitaria e compostelá.

Casa da Troya: un museo vivo que fai 30 anos

Casa da Troya: un museo vivo que fai 30 anos / Benigno Amor

O número cinco da rúa da Troia é a localización real e literaria da antiga pensión de estudantes que, en 1993, foi inaugurada co mesmo nome da novela de Lugín con gran boato e ledicia polos entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, e o alcalde de Santiago, Xerardo Estévez. Foi meu pai, Benigno Amor Rodríguez, quen moveu Roma con Santiago ata facer realidade o museo, acompañado doutros antigos estudantes da Universidade de Santiago como José Antonio Arán Trillo, Gonzalo Calvo Pereira, Fernando Vieites Faya, Antonio Mariño Iglesias e Rafael Millán Calenti, ou románticos como Benedicto Barreiro Míguez, Juan José Fuentes Bouzas e Xosé Luis Bernal López –Farruco–. Con ilusión, entusiasmo e implicación lograron xuntar vontades políticas e cidadás para levar adiante o proxecto museístico que acubilla tradición universitaria e patrimonio compostelán. E con moito esforzo e dedicación, os de antes e os de agora fomos quen de mantelo vivo para a cidadanía de Santiago e o mundo. Acumulamos nestes tres decenios preto de 80.000 visitas, cunha media anual de noventa días aberto entre a Semana Santa e o verán. Así e todo, estas significativas estatísticas non deixan ver os desvelos, contrariedades e responsabilidades que hai tras esta actividade cultural, que xestionamos e sostemos un puñado de troyanos coa axuda da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, e o Concello e a Universidade de Santiago.

Acometéronse nos últimos meses obras urxentes no exterior do edificio, que consistiron no arranxo dos balcóns e as carpinterías, o deseño e colocación dun rótulo de forxa feito por Chago Martínez, a reparación da placa de bronce e o pintado da fachada; mentres que no interior renovamos cortinas coa axuda de María Pereira, tapizamos cadeiras e mercamos novos expositores. Todo isto é costoso en cartos, pero tamén en solicitude e seguimento de permisos e encargos. En canto ás actividades destacadas deste ano conmemorativo, cómpre salientar os roteiros teatralizados, a mostra dunha selección de portadas da novela de Lugín, unha nova edición dos Encontros Troyanos en Compostela (festival de tunas veteranas que regresará en marzo), un destacado concerto que encheu en febreiro o Teatro Colón da Coruña…

Pero, nesta altura, necesitamos unha maior sensibilidade institucional que garanta a continuidade do proxecto e nos faga máis presentes, incorporando o Museo Casa de la Troya e Troyanos de Compostela ás programacións festivas e culturais da cidade. Porque todo este labor e compromiso pola nosa parte comporta unha dedicación e un desgaste persoal que só sabemos os que traballamos no asociacionismo de base. O inmoble troyano –que recrea a fonda estudantil adornada con pinturas, fotos, edicións da exitosa novela, instrumental médico antigo e diversos obxectos– dedica unha sala a máis de dúascentas becas de Tunas Universitarias, proba de que o museo se foi convertendo nun lugar de peregrinación para tunos e tunas das dúas ribeiras do Atlántico. Así o acredita o noso Libro de Sinaturas, que rexistra afectuosos e agradecidos testemuños seus, igual que dos santiagueses e os visitantes que se achegan cada ano. Este é o noso patrimonio. E tamén o voso!