Opinión | { Olladas ao País }

O bipartidismo imperfecto do novo Parlamento

O ANUNCIO do BNG, no debate de investidura de Rueda, de que coordinaría o labor opositor que lle outorgou a cidadania coas súas propostas de goberno alternativo seica extrañou algúns pouco coñecedores das dinámicas parlamentarias máis consolidadas. En realidade a decisión soberanista de xuntar oposición e propostas de goberno alternativo demostra que entendreon a xeito a mensaxe da cidadanía o 19-F.

No 2020 o PP acadou o 47,8% dos votos e 42/75 deputados, mentres que o BNG acadara o 23,5% e 19/75 deputados e o PSdseG o 19,4% e 14/75 representantes. É dicir, daquela o BNG acadara menos da metade dos votos do PP e o 122% dos socalistas.

Arestora a escena mudou substancialmente. O PP obtivo o 47,2% e 40/75 deputados, mentres o BNG quitou o 31,57 e 25/75 (un terzo da representación) e o PSdeG o 14% e 9/75 deputados. É dicir, o BNG quita agora case 2/3 dos votos populares e un 225%!! dos votos socialistas. Dunha Cámara tripartita evoluímos cara a un bipartidismo imperfecto. Nestas circunstancias a cidadanía lle confiou ao BNG un rol xa non de simple oposición, senón de alternativa de goberno, o que lle esixe non só labor opositor, senón propostas de goberno alternativo para o que precisa a mellor información e coñecemento e dun grao esixente de concreción e determinación desas súas medidas alternativas. Esíxelle, logo, a visibilización da alternativa de goberno cara 2027-2028.

Canto a Rueda completou co nomeamento do novo Goberno a remuda dos vímbios que lle deixara Feijóo que principiara cos trocos que fixera no banco no verán de 2023 pola marcha dalgúns a Madrid. Mais agora terá que definir cál vai ser a liña que defina a súa gobernanza: a debullada hai algunhas semanas subordinando os intereses de Galicia e as competencias da Xunta para asumir un programa educativo e fiscal imposto dende a rúa Xénova a todos os gobernos autonómicos do PP ou unha liña de seu autónoma que poida achegar a viabilidade deses pactos de País que tanto lle compren á nosa Galicia.

Rueda habería xa de se decatar que os intereses no curto prazo de Núñez Feijóo como candidato á presidencia do Goberno do Estado pasan polo balbordo e o conflito. E os intereses deste País pasan por rachar co dependentismo, confiar nas nosas posibilidades e usar da negociación intelixente. Logo vaille ser difícil ficar na misa e repenicar a campá da igrexa ao mesmo tempo.