Opinión | NEGRO SOBRE BRANCO

Necesidade de aprender

SE ENTENDEMOS que dun proceso eleitoral, resultados á parte, sempre se poden tirar numerosas leccións, despois destas últimas, as bascas, poderíamos ter ansia de aprender ou de que algúns aprenderan cousas tan elementais como ser quen de aceptar a realidade material dos feitos. Realidade material que é moi teimuda: o Estado español ou se vertebra con estrutura e convivencia plurinacional ou non é. E isto pasa por non ter aprendido de procesos políticos –eleitorais por exemplo– anteriores, como en Galiza, Cataluña ou os conflitos canarios. É xa un lugar común entre os analistas políticos, presentes nos medios de comunicación de masas, resaltar que o Estado Español non é Madrid e provincias, ou Madrid e arredores. E tamén se empeza a observar como a coincidencia de intereses de poder entre o capital catalán e basco ten perdido interese por se aliar cos representantes do poder económico exercido en Madrid e vinculado ao sector de poder político exclusivamente central. Logo suceden os feitos eleitorais que semellan pór en evidencia aquelas observacións. En Euskadi –independentemente de quen asuma o goberno e das súas alianzas– gañou o nacionalismo. O nacionalismo ten en Euskadi componentes varias, ao igual que na sociedade plural hai diversidade partidaria, mais é un feito medular que os bascos votaron en primeiro lugar por si mesmos e de forma residual por partidos políticos de obediencia española. En Cataluña, tanto no próximo pasado como no presente, os resultados eleitorais poden ser lidos na mesma liña, e non é correcto argumentar a presenza do PSC como se do PSOE se tratase, xa que é sabido que o PSC é catalanista e naceu e viveu unha longa existencia como asociado ao PSOE, é dicer, en pé de igualdade desde Cataluña e non apéndice do central. No goberno central e no sector de poder central con sede en Madrid, preocupa, e moito, non a existencia de nacións no Estado, non os votos a partidos políticos de obediencia non española, senón a perda do control da realización dun capital que precisa un espazo liso e chan para executar os seus proxectos: en sede esteparia non se entende a diversidade. O Atlántico non só baña as nosas costas senón que configura unha cultura: elaboradísima, matizada, rica, diversa mesmo internamente, pacífica, buscadora dos pactos/acordos máis que da confrontación. En Euskadi a ausencia da paz das rías e dun país menos rico en recursos conformaron unha historia con menos concesións ás florituras que a nosa, máis cun exemplo histórico admirábel: construíronse a si mesmos. A capacidade política e negociadora neste caso sobardou ditadura, transición e democracia. É case gracioso escoitar citar o privilexio fiscal basco no presente e non mirar a historia, “privilexio” ou o que fose, vixente en pleno franquismo a través das deputacións forais, e até hoxe na Constitución española.

Nas relacións entre as nacións convíñanos levar ben as relacións sen necesidade de ter que asumir xerarquías na toma de decisións, por boa convivencia e por eficacia administrativa. O caso á contra evidenciouse na pandemia. Foi evidente que non se sabe coordenar, acordar, consensuar, é dicer, gobernar o diverso co instrumento de gobernos distintos.