Aposta polo vehículo eléctrico para o servizo de limpeza e recollida de lixo

O Concello presentou na praza do Obradoiro unha parte da nova flota e maquinaria // Hoxe estrea un camión a gas que recollerá a fracción de envases dos establecementos de hostalería da zona monumental

Algunhas das varredoras eléctricas que realizarán o servizo de limpeza.

Algunhas das varredoras eléctricas que realizarán o servizo de limpeza. / Concello

O Concello de Santiago presentou onte no Obradoiro a súa decidida aposta polo vehículo eléctrico para o servizo de limpeza e recollida de lixo da cidade. “É unha maquinaria máis eficiente e sostible. É un equipo renovado que nos permitirá vivir nun entorno máis limpo e respectuoso co medio ambiente”, asegurou Mila Castro, concelleira de Medio Ambiente, durante a presentación na praza do Obradoiro dunha parte da nova flota e a maquinaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos da capital galega.

No acto, ademais da concelleira de Medio Ambiente, tamén participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e Ángel Fajilde, técnico de Urbaser, quen avanzou a chegada, nas próximas semanas, de nove vehículos de recollida de carga lateral e outros tres de carga traseira. “A maquinaria e o material que está aquí é unha mostra do novo equipo, con vehículos 100 % eléctricos e cero emisións para vivir nun Santiago Sostible, unha cidade limpa e respectuosa co medio ambiente”, explicou Mila Castro.

“O servizo conta agora con vehículos sen necesidade de combustión, conseguindo así un servizo más eficiente e sostible, aumentando as frecuencias por toda a cidade e reducindo a contaminación”, engadiu Ángel Fajilde. Un servizo que, logo de poñerse en marcha en maio de 2022, aplica de forma progresiva novas melloras para chegar a máis zonas, levando por exemplo os baldeos diarios habituais no Ensanche e na Cidade Histórica tamén aos barrios. Un baldeo que é diario, os 365 días do ano, incidiron desde Urbaser.

Entre as novidades, o Concello presentou cinco carros de varrido 100 % eléctricos para o persoal encargado da limpeza urbana. A súa tracción eléctrica permite, indicaron dende Raxoi, “transportar o carro e a súa carga sen esforzo, facilitando e facendo máis eficiente o traballo”.

Ademais incorporáronse ao servizo 32 carros de baldeo manual dun cubo; unha varredora de beirarrúas eléctrica; tres varredoras de aspiración de dos metros cúbicos, que son tamén 100% eléctricas; unha varredora de calzada sobre camión aspiradora (as outras tres están pensadas máis ben para zona peonil e beirarrúas), e unha fregadora-varredora autopropulsada con máis dun metro de ancho de fregado.

Renováronse os tres vehículos de inspección, con furgóns tamén eléctricos, e durante o acto celebrado onte na praza do Obradoiro tamén se amosou unha das cabezas tractoras, Goupil eléctrica, que son as que se encargan de poñer e retirar os semiremolques do quita e pon. Son semiremolques con dez contedores internos e cinco fraccións de residuos.

“Con este contrato, de sete millóns de euros, poñemos en marcha un renovado servizo, cun cambio total de toda a maquinaria e apostando polo vehículo eléctrico, respectuoso co medio ambiente, con baixo nivel de emisión de ruídos e facilitando o traballo das e dos profesionais que se encargan da limpeza viaria”, apuntou Mila Castro.

A presentación dos novos vehículos levouse a cabo un día antes de que comece –esta noite– o novo horario acordado entre Raxoi e a hostalería para o sistema de recollida porta a porta na Cidade Histórica, que vai ser ás 12 da noite de domingo a mércores, e xoves, venres, sábados, vésperas de festivos e festivos será á 1.00 horas. Precisamente, o Concello ven de anunciar que dende hoxe haberá un novo camión a gas que recollerá a fracción de envases dos establecementos de hostalería do casco histórico.