Entrelampo, verdura ecolóxica que sementa oportunidades laborais para pacientes de saúde mental
Esta iniciativa de economía social con horta en Marrozos vende a domicilio produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade

En Entrelampo todos os empregados traballan a terra, sementan e colleitan / Antonio Hernández

“O colectivo das persoas con problemas graves de saude mental é o que máis desemprego ten de todos os grupos de diversidade funcional. Os empregados que contratamos en Entrelampo levaban no paro máis de 10 anos, seguen a traballar e fano perfectamente”, o que fala é o psiquiatra Juan Soriano, presidente da Asociación Entrelampo, unha empresa de economía social que vende e reparte produto hortícola local, de tempada e ecolóxico e cuxo obxectivo é a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental, ao tempo que se lles dá visibilidade “credibilidade e recoñecemento”.
Na actualidade traballan en Entrelampo unha encargada e tres peóns. Todos eles se ocupan de sementar, do traballo da terra e da colleita, e un deles leva a cabo ademais o reparto, que se realiza en Santiago, Ames, Teo e Brión cada 15 días. A horta que traballan está na parroquia de Marrozos, aí empezou o proxecto na práctica en 2020 -aínda que a constitución da entidade foi en 2016-, grazas a un convenio con Cáritas, no que se lles cedía o uso dunhas terras de labradío da casa reitoral.
“Iniciamos o proxecto nesas fincas, que eran de labranza, de horta non tiñan nada, o que require traballo e investimento económico”, lembra Soriano, “e comezar un traballo do que non vas saber resultados en cinco anos de cultivos”. A día de hoxe, as cestas de Entrelampo chegan a entre 70 e 80 fogares, pero é necesario incrementar estas cifras para poder manterse, “non nos gustaría polo momento establecernos xa noutras cidades”, indica o presidente, “estariamos tranquilos a nivel de viabilidade económica se a oscilación fose de entre 80 e 90 clientes”.
Soriano explica que dende o primeiro momento a idea central, tamén coma no modelo de La Fagueda, foi a do consumo alimentario unido ao emprego de persoas coa problemática da saúde mental. “Hai outras empresas que empregan persoas diagnosticadas, por suposto”, afirma Soriano, “unhas pequenas e outras máis grandes pero todas elas centradas no sector servizos ou noutros ámbitos máis dependentes da administración e que non teñen tanta visibilidade”, coma a que se marca de obxectivo de Entrelampo. Neste sentido, Soriano conta que se trata tamén de rachar coa estigmatización pero sen deixar de lado a imaxe de marca, porque ao final Avoa Hortensia -a marca hortícola- ten que caracterizarse pola calidade do produto.

A verdura que venden é ecolóxica e de tempada / Antonio Hernández
Nova web, novas iniciativas
Neste camiño van a implementación da nova web e mais do Plan de Permanencia. “Todos os socios facemos achegas económicas á asociación, pero non temos investidores, aí está o noso hándicap á hora de medrar, pois somos unha asociación sen ánimo de lucro”. Co Plan de Permanencia o proxecto hortícola pode asegurarse uns ingresos e unha viabilidade, tamén tendo en conta que o sector agrícola “ten bastante oscilación comercial, na tempada de verán, nas vacacións...”, explica Soriano.
“Cando lanzamos a opción deste novo plan o 90% da xente que se adheriu xa eran clientes, o que quere dicir que ao final, non vendemos verdura, vendemos un modelo de negocio, de produción, de inserción laboral, un modelo de entender a sociedade”, afirma.
Ademais, durante o segundo semestre do 2024, Entrelampo prevé lanzar a posibilidade de mercar ovos ecolóxicos baixo a marca ‘Xema e Clara, ovos de curral’, “así que chegaremos a ter un complexo agrogandeiro de economía social que nos permitirá pechar o ciclo ecolóxico” da empresa explica.
"Non vendemos verdura, vendemos un modelo de negocio, de produción, de inserción laboral, un modelo de entender a sociedade”
O estigma e os prexuízos
Reza na web da asociación que ‘lampo’ é un resplandor fugaz coma o do relampo ou lóstrego, pero tamén un instrumento de labranza coa folla curva e o mango curto que se utiliza para segar. Unha dualidade da que fai gala esta iniciativa de economía social que combina a integración laboral coa visibilización das persoas con enfermidades diagnosticadas de saúde mental.
“Está a realidade do estigma”, comenta con EL CORREO GALLEGO Juan Soriano, “cando te presentas a unha oferta laboral e dis que tes un problema de saúde mental marcan o ‘x’ e que pase o seguinte”. Un prexuízo que afortunadamente non teñen os clientes de Entrelampo. “Aos que veñen a nós non hai que explicarlles nada, entran xa por teren certa sensibilidade co tema”.
Mais o presidente da asociación asegura que non só se trata de ser receptivos coa cuestión da saúde, senón que tamén hai quen chega a eles “pola sensibilidade co tema ecolóxico”, unha combinación de clientes que dá en que “dalgunha maneira tamén reconvertimos a cociña dalgunhas persoas”, di Soriano, porque “hai clientes que entraron polo aspecto social de Entrelampo pero non eran especialmente consumidores de verduras, moito menos ecolóxicas”.
O equipo directivo
A asociación Entrelampo nace da reunión de varios profesionais da saúde con inquedanzas sobre a economía social. Desta reunión de amigos xurdiu en 2016 a entidade cuxa xunta directiva lidera Juan Soriano, psiquiatra no CHUS e xunto a el, Fernando Casal, vicepresidente e especialista en nutrición e diética; Lucía Iglesias, fisioterapeuta do Sergas e secretaria da asociación; e Iván Cañás, médico, cirurxián e nutricionista que desempeña os labores de tesouraría.
Como podo facerme cunha cesta?
• Recibir a cesta de Entrelampo é moi sinxelo, só hai que entrar na web: entrelampeiras.com e rexistrarse mediante email.
• Despois hai que elixir a subscrición Avoa Hortensia e optar ou ben polo Plan Básico (sen permanencia e con compromiso a recibir as dúas primeiras cestas) ou o Plan Entrelampeira (con permanencia de 12 meses, 5% de desconto en cada envío e unha cesta gratis ao ano, ademais de poder cambiar ata tres produtos en cada envío).
• As cestas son quincenais, previo informe do día de envío e do contido da cesta, que se entregará no domicilio ou no enderezo de recollida indicado.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”

