Inaugurada a pista do Estadio de Atletismo da USC tras renovarse con preto de medio millón
No seu reestreo o reitor manifestou que a instalación debe “promocionar o deporte galego a todos os niveis” // Poderá acoller competicións atléticas de carácter oficial
A pista do Estadio de Atletismo da Universidade de Santiago loce unha nova faciana logo das obras de renovación e acondicionamento realizadas ao longo dos últimos meses, nas que se invertiron máis de 400.000 euros. Esta operación levouse a cabo froito dun convenio de cooperación entre USC, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela. Tal e como se previu no acordo presentado o pasado 23 de decembro, as obras remataron no primeiro trimestre deste ano.
A colocación dun novo pavimento centrou os traballos de actualización deste espazo da Universidade que consta dun anel de carreiras de 400 metros de corda e oito estaxes. O tipo de obra que se proxectou tamén contemplou o marcado e sinalización para a correspondente homologación federativa tal e como establece a Real Federación Española de Atletismo, que permitirá a celebración de competicións atléticas de carácter oficial. A última pavimentación da pista realizárase no ano 1998.
Onte tivo lugar o acto inaugural da instalación deportiva, presidido polo reitor Antonio López. Ademais do reitor, participaron no acto o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a deputada de Xuventude e Deportes, Cristina Capelán; e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín Carreira. Tamén asistiron o xerente da USC, Javier Ferreira; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; e a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa.
O reitor manifestou a súa satisfacción e gratitude por poder recuperar a acreditación desta pista como categoría 3. O fundamental, segundo Antonio López, é que estas instalacións “se convertan en punto de encontro e referencia para a cidadanía e que a enchan de actividade”. Esta é, en palabras do reitor da USC, unha instalación da Universidade que debe servir para “promocionar o deporte galego a todos os niveis”.
Pola súa parte, José Ramón Lete cualificou a reforma como “inversión central e estratéxica” poñendo a énfase na confluencia institucional “porque as administracións temos a obriga de dotar un mapa de infraestruturas adecuado en base aos principios de colaboración, cooperación e coordinación”.
Cristina Capelán destacou como a cooperación fixo posible recuperar a pista “cun magnífico resultado para poder dispoñer dela”, o que supón unha aposta decidida polo atletismo e polo deporte galego. Nesta mesma liña, Bugallo afirmou sentirse “moi orgulloso e contento por ter contribuído a que a instalación poda entrar de novo en funcionamento”. Por último, Iván Sanmartín felicitou a confluencia de institucións por “conseguir que este soño volva ser realidade ao homologar unha pista destas características”.
Temas
Más en Santiago
-
Cómo llegar al Banquete de Conxo: estos son los cortes de tráfico, autobuses, aparcamientos y principales accesos
-
UGT paraliza las movilizaciones en el aeropuerto de Santiago a la espera de una nueva reunión
-
Estudiantes acampados denuncian el silencio de la USC sobre la guerra en Gaza
-
Santiago inicia la cuenta atrás de las obras del primer tramo de la Vía Verde