O festival ‘Alguén que respira!’ chega mañá ao Teatro Principal

Antón Lopo, Mercedes Rosón e Valentín García, onte no pazo de Raxoi.

Antón Lopo, Mercedes Rosón e Valentín García, onte no pazo de Raxoi. / redacción

redacción

O Teatro Principal de Compostela será a sede do festival ‘Alguén que respira!’ que se inaugura mañá e se prolonga ata o martes 21, Día Mundial da Poesía. O programa foi presentado onte nunha roda de prensa pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García e o director do festival, Antón Lopo.

O tema central da edición é a ecopoesía como ferramenta para loitar contra o cambio climático e nesa aposta, inclúese a publicación dun volume con 22 ecopoemas realizados expresamente para o encontro. Nel aparecerán, así mesmo, os catro poemas gañadores do I Certame de Poesía Respira! para estudantes.

O programa caracterízase pola diversidade de propostas e contidos, coa poesía como elemento aglutinante e reflexivo. Nel figuran Amorante, Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel, Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía e Tino de Féliz, entre outros.