José Luis Baños de Cos, premio Exeria de proxectos de creación literaria

Segundo a acta de resolución da convocatoria, o xurado acordou concederlle o premio por maioría

José Luis Baños de Cos, gañador do premio Exeria de proxectos de creación literaria

José Luis Baños de Cos, gañador do premio Exeria de proxectos de creación literaria / Concello

Redacción

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión do "Premio Exeria de proxectos de creación literaria" a José Luís Baños de Cos. O obxectivo desta convocatoria é fomentar a creación literaria desde a súa orixe e contribuír a súa internacionalización. O premio consiste na dotación de 3.000 euros e na xestión dunha viaxe a Xerusalén con hospedaxe na Residencia Al Mamal.

Segundo a acta de resolución da convocatoria, o xurado acordou concederlle o premio por maioría. "A proposta de José Luis Baños de Cos destaca, en primeiro lugar, porque a cidade de Santiago é protagonista, ao mesmo nivel de calquera outra personaxe. Recrea ademais un tempo de ilusións e esperanza como o da República, que consideramos pouco tratadas na nosa creación literaria. O proxecto estrutúrase a partir das distintas fases da edición dun libro emblemático como son os Seis poemas galegos de Federico García Lorca na Compostela dos anos 30".

O xurado considera "especialmente interesante o feito de que o proxecto leva a cabo un recoñecemento e reparación dun elenco longo de personaxes, figuras que foron fundamentais neste período histórico. Valoramos tamén a súa vocación por ampliar públicos, aspecto este tan necesario para o teatro galego e parar a creación literaria nosa en xeral. E o equilibrio que establece entre a proposta textual e a escénica que aseguran a súa viabilidade"

O Premio Exeria, organizado polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Acción Cultural, conta coa colaboración da entidade "Residencia Literaria 1863" e do Consulado Xeral de España en Xerusalén. Está destinada a proxectos de creación literaria inéditos, de autores/as residentes en Compostela que precisen dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra.

José Luis Baños de Cos

Nado en 1977, é Licenciado en Dereito e Antropoloxía Social. Cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Durante varios anos traballou para diferentes ONGs en Honduras e o Perú en proxectos de integración con rapaces/zas da rúa por medio do uso do teatro. Actualmente compaxina o seu labor de dramaturgo coa docencia de Teatro en diferentes centros Socioculturais e centros de ensino.

Entre os premios acadados durante a súa traxectoria destacan:

- "O círculo", Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle organizado por la AC. Publicada pola AC. Alexandre Bóveda de A Coruña (2019).

- "Cheas de Bestas", Premio A pegada de Microteatro, convocado por ESAD Galicia (2019).

- "Asfixia", gañadora do Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019), . Publicada por Ed. Difusora de letras, artes e ideas (2020).

- "A cámara escura", III Premio Roberto Bolaño convocado polo Concello de O Porriño (2020). Publicada por Editorial Galaxia (2021).

- "Segunda morte", gañadora do VIII Premio teatral Varela Buxán (2021). Concello de A Estrada. Próxima publicación por Edicións Fervenza.

- "Lume", V Premio Roberto Bolaño convocado polo Concello de O Porriño (2022). Publicada por Editorial Galaxia (2023).

- "El niño que se escondía dentro de una caja de galletas", gañadora do XXX Concurso de Textos Teatrales dirigidos a Público Infantil de la Escuela Navarra de Teatro (2021). Publicada por Assitej España (2023).

- "Nas nubes", Premio XVI Barriga Verde para teatro de monicreques para adultos (2022). Próxima publicación en Baía Edicións (2023).

Tamén é autor das obras teatrais "A espera", de Titereficcións (2014); "Suite Up", da compañía Fanfarra Teatro (2015); "O faiado", da compañía Ó Cubo Teatro (2016), seleccionada no Galicia Escena Pro (2017).