Natureza, música, tradición e romaría na IV edición da Festa do Banquete de Conxo

As actividades desenvolveranse os días 12, 13 e 14 de maio entre a Praza Aurelio Aguirre e a carballeira do barrio

Dende a esquerda, Xulio Noya, Cecilia Carballido e Xosé Sánchez Bugallo / concello

Dende a esquerda, Xulio Noya, Cecilia Carballido e Xosé Sánchez Bugallo / concello / ana triñáns

Os días 12, 13 e 14 de maio o barrio de Conxo volve ao século XIX coa celebración da IV Festa do Banquete, con actividades que se desenvolverán na carballeira, na Praza Aurelio Aguirre e nas rúas compostelás. A presentación desta nova edición produciuse na mañá do venres no Centro Sociocultural de Conxo, da man do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a coordinadora da Festa do Banquete de Conxo, Cecilia Carballido, e o responsable do centro sociocultural, Xulio Noya.

O motivo deste ano é o bosque, e así se reflicte no cartel, obra do deseñador Pancho Lapeña, que combina bosque e banquete cun colorido ferreiriño. O bosque no que se desenvolve o día grande da festa, o domingo 14, e a Carballeira de Conxo cos tradicionais xantar e romaría populares. Ás 11 da mañá partirá da Praza do Toural o desfile teatral, no que participan diversos grupos do concello e doutras localidades, Alá van estudantes e artesáns, dirixido polos Quinquilláns e acompañado coa música de Muiñeiros do Sarela. Unha vez que o desfile acade a carballeira é o tempo do pregón, que este ano pronunciarán o artesán Xosé Lois Mouriño e a artista Lucía Pérez Lemos, dos barrios de Sar e Villestro, respectivamente, os lugares convidados deste ano.

Na tarde do domingo, alén dos xogos e pasarrúas de xigantes, celebrarase de novo O serán da fraternidade, unha foliada de música tradicional que rematará coa despedida da festa e o convite á seguinte edición por parte do grupo Os Quinquilláns. Pero, en realidade, a festa non para, xa que na Praza Aurelio Aguirre, logo da clausura do Mercado e da Mostra de Artesanía, A Banda das Crechas ofrecerá o concerto de peche.

A xornada inaugural, o venres 12, vai estar protagonizada pola cativada e pola música. Ás 11 da mañá terá lugar na carballeira de Conxo o Pequeno Banquete, unha representación teatral dramatizada tamén polos Quinquilláns para o público dos centros escolares do municipio. Ao remate, o concerto de Fillas de Cassandra que rematará coa gravación do videoclip do tema Lisístrata na que participarán as rapazas e rapaces asistentes. Na xornada da tarde é a quenda dos obradoiros de baile tradicional e de cantos de taberna e, serán precisamente estes cantos os que soen nos bares do barrio a partir das 21 horas.

O sábado dan comezo o Mercado do Libro e da Artesanía e mais a Mostra dos Oficios Tradicionais, coma sempre na Praza Aurelio Aguirre e até o domingo e coa participación dunha ducia de librarías e editoras e cinco artesáns e artesás de cestaría, cerámica, instrumentos tradicionais, encaixe e ferraría. Durante o desenvolvemento do mercado haberá actividades infantís e xuvenís, e no sábado, ademais, un obradoiro de deseño e confección de vestiario de época coa costureira Bety Busto e un posto da empresa Chimpos para alugueiro de vestiario.

Alén diso, a xornada do día 13 arrincará coa II Andaina Musical da Escola de Música Municipal, que consistirá nun percorrido polas Brañas do Sar, a Colexiata, a Pontepedriña e Conxo. Ás 10 e ás 11, novamente na carballeira, levarase a cabo a actividade inmersiva “para pisar e tocar e coñecer a carballeira”, puntualiza Cecilia Carballido. Trátase de Baños do Bosque, un percorrido polo lugar para o que se farán quendas de 12 persoas entre aquelas que o soliciten a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal. Tamén esa mañá, o editor Henrique Alvarellos será o guía do paseo literario pola carballeira para lembrar autoras e autores que escribiron sobre o bosque ou no bosque entre o séculos XII e XX, no que será un roteiro adaptado a todos os públicos.

Na tarde do sábado, as actividades comezarán ás 18 horas cunha mesa redonda que leva por título As enerxías renovables a debate. E de seguido o Concerto de Coros e Orfeóns na escaleira do Hospital Psiquiátrico. Xa ás nove da noite pecharase o programa do segundo día de Banquete coa Festa da Poesía, conducida por Helena Salgueiro na Praza Aurelio Aguirre. Este último evento do sábado, que terá unha duración entre hora e media e dúas horas vai contar con poetas das novas xeracións, coma Belén Senín, Sara Villar e Noelila Gómez, e estará amenizada tamén coa música de Amorodo, O Rabelo e mais Paulinha.

Para facilitar o achegamento do público á Festa do Banquete, a organización volverá pór en marcha o Tren do Banquete, coma na edición pasada, que irá dende a Alameda até Conxo, pasando polo centro da cidade. E tamén haberá bus urbano coma calquera día laborable.