Borja Verea levará aos alumnos de 3º da ESO de Santiago a estudar inglés no estranxeiro durante tres semanas

Os requisitos para poder beneficiarse deste programa serán: estar empadroado; ser estudante de 3º da ESO en centros educativos sostidos por fondos públicos; ter unha media de 6 en Lingua Inglesa en 2º da ESO; e ter todas as materias aprobadas en dito curso académico.

Estudiantes de la ESO en un centro educativo

Estudiantes de la ESO en un centro educativo / ECG

Redacción

Borja Verea, candidato á Alcaldía do Partido Popular en Santiago, insistiu hoxe en que o seu obxectivo é construír “unha Compostela máis amable, máis humana e máis familiar” e, neste sentido, anunciou que todos os mozos e mozas de Santiago, que estean cursando 3º da ESO, poderán ter a oportunidade de estudar inglés en países de fala inglesa.

Os requisitos para poder beneficiarse deste programa serán: estar empadroado en Santiago; ser alumno de 3º da ESO en centros educativos sostidos por fondos públicos; ter unha media de 6 en Lingua Inglesa nas notas finais de 2º da ESO; e ter tamén todas as materias aprobadas en dito curso académico. Nese senso fixo fincapé en que “esta axudará estará vencellada ao expediente académico e non á renda”.

Verea explicou que eses 1.167 mozos poderán pasar tres semanas no estranxeiro, en réxime de pensión completa e aloxándose con familias nativas. Durante este tempo, asistirán a un centro escolar polas mañás e, polas tardes e, as fins de semana, realizarán actividades culturais e excursións.

O popular engadiu que o custe deste programa será, aproximadamente, de 900.000 euros, “unha cantidade perfectamente asumible para un Concello que ten millóns de euros nas súas contas sen gastar e que conta cun orzamento por riba dos 100 millóns de euros”, subliñou.

Borja Verea está seguro de que “serán moitos os rapaces que cumprirán estes requisitos”, polo que indicou que o orzamento inicial podería modificarse segundo sexa o número de alumnos que cumpran as condicións requiridas.

Así mesmo, lembrou outras medidas xa anunciadas para conseguir a Compostela do futuro, como é a creación da área de Familia, que dependerá directamente da alcaldía; a posta en marcha da Tarxeta Valor Sénior, con beneficios asociados aos veciños maiores de 60 anos; a creación da Rede de Cociñas Escolares; o Plan para cubrir e modernizar parques infantís e para poñer parques infantís móbiles no noso Casco Histórico ou o centro de saúde do Castiñeiriño, entre outras.