A Escola Municipal de Música celebra o seu festival de fin de curso aludindo á emigración

Será mañá, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, coa participación duns 200 intérpretes

Redacción

Un ano máis a Escola Municipal de Música de Santiago e o departamento municipal de Educación organizan o festival de fin de curso que se celebrará mañá, a partir das 19.00 horas, na sala Brage do Auditorio de Galicia. Neste concerto terán a oportunidade de participar todas as agrupacións da escola: Banda, Bandiña, Orquestra, Orquestriña, Big Band, Coros Infantil, Xuvenil e de Adultos, Combo de Música Moderna e a Agrupación de Música Tradicional, integrando a máis de 200 intérpretes no escenario.

Dentro do afán por traballar dende un punto de vista interdisciplinar e cun enfoque aberto, ademais de co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o inmenso patrimonio musical galego, levan organizando dende o ano 2018 unha serie de festivais de carácter temático co obxecto de poñer en valor aspectos musicais e contidos relacionados coa cultura galega. As temáticas dos festivais foron, no 2018, “A Muller galega na música”; no 2019, “50 anos de canción popular galega” e, no 2022, “A Movida chega á Escola”.

Este ano o tema do festival xirará arredor dun tema moi presente na historia de Galicia: A Música na Emigración. Así, farase un percorrido por todas aquelas músicas feitas na emigración, os ritmos de ida e volta, os intérpretes que cantaron á emigración e os compositores de fora de Galicia que ven na nosa música unha fonte de inspiración. “Unha parte moi importante da cultura galega desenvolveuse na emigración e grazas á emigración. Entre 1850 e 1950 case dous millóns e medio de galegos emigraron fora da súa terra, levando consigo ás súas músicas, os seus bailes e os seus cantos, verdadeiros signos de identidade cultural e social”, din dende a organización.

A repercusión da emigración na música e por ende na cultura galega “é enorme”: dende a estrea do Himno Galego na Habana, ata a creación dos primeiros orfeóns e corais e o desenvolvemento das carreiras de ilustres compositores galegos como Andrés Gaos ou José Castro Chané.

Como actividade complementaria ao festival, a Escola Municipal de Música vén de inaugurar estes días unha exposición na súa sede do Predio de Vista Alegre, conformada por ducias de obxectos achegados polas familias e alumnado relacionados coa emigración. Esta exposición complétase cunha montaxe audiovisual que recolle o material aportado polo alumnado nas entrevistas aos familiares que viviron de primeira man a experiencia de ter que abandonar todo para emprender unha nova vida moi lonxe do seu fogar.