Goretti Sanmartín anuncia uns orzamentos con perspectiva de xénero para apoiar a igualdade

Haberá máis axudas para as familias monoparentais e reforzarase o Centro de Información ás Mulleres

Pola esquerda, Inmaculada Alonso, Sanmartín e Elvira Méndez

Pola esquerda, Inmaculada Alonso, Sanmartín e Elvira Méndez / BNG

Redacción

Elaborar os vindeiros orzamentos municipais con perspectiva de xénero para promover a igualdade na prestación de servizos públicos foi o anuncio comunicado onte pola alcaldesa Goretti Sanmartín, na inauguración da xornada ‘Garantía Muller: prevención equitativa da violencia de xénero’ que se desenvolveu na Escola Galega de Administración Pública.

Na súa intervención, a rexedora debullou as medidas que desenvolverá desde a Alcaldía de Santiago “para que non haxa involución nos dereitos das mulleres e dos colectivos con máis dificultades, como son os das familias monoparentais”. Así, destacou que incluirá nas subvencións e bonificacións propostas de mellora para familias monoparentais, ademais de reforzar o Centro de Información ás Mulleres (CIM) para incrementar o asesoramento e apoio que precisen desde o Concello de Santiago.

Crearanse espazos para reflexionar e debater conxuntamente co asociacionismo, coa activación do Consello Municipal das Mulleres e do Consello de Participación das Mulleres Novas, “porque na prevención contra as violencias un dos aspectos máis importantes é traballar coa mocidade”. “Son dous foros que consideramos imprescindibles para estabelecer un marco estábel de traballo e de participación social relacionado con cuestións que se debateron nesta xornada da EGAP”, explicou.

Na sesión inaugural desta xornada, participaron Inmaculada Alonso Rodríguez, presidenta da Asociación de Familias Monomarentarias de Galicia (FAGAMOS), e Elvira Méndez Méndez, directora da Asociación Saúde e Familia.