Síguenos en redes sociales:

Curtocircuíto celebra vinte anos promovendo o cinema máis innovador dende Compostela

O festival internacional de cinema celébrase este ano do 3 ao 8 de outubro

Reinvéntanse nesta 20ª edición: anuncia nova identidade visual e sección "Cosmos"

Curtocircuíto celebra vinte anos promovendo o cinema máis innovador dende CompostelaCurtocircuíto

O Festival Internacional de Cinema CURTOCIRCUÍTOcelebra vinte anos de traxectoria consolidándose como un dos festivais máis senlleiros de Galicia. Do 3 ao 8 de outubro o Teatro Principal e outros espazos do casco histórico acollerán por vixésimo ano consecutivo proxeccións, espectáculos audiovisuais, encontros e outras actividades dirixidas a quen goce do cinema en pantalla grande.

Curtocircuito está organizado polo Concello de Santiago (Compostela Cultura) e conta co apoio, entre outros, da Deputación de A Coruña, AGADIC ou a ICAA, nunha 20ª edición que chega chea de novidades.

Cosmos, principal novidade do vixésimo aniversario

Curtocircuíto cumpre vinte anos cunha edición chea de novidades, renovando a súa identidade visual e reconfigurando o seu modelo de festival ao redor de sete seccións, dúas competitivas e cinco paralelas, e seis sesións especiais.

No 2013 Curtocircuíto viviu a súa primeira transformación: implementou na súa proposta outras artes visuais, incluíu longametraxes e creou as seccións Radar, Penínsulas, Planeta GZ, Terra, Púlsar ou Supernova, entre outras. O seu  imaxinario, dende entón vencellado á exploración de novos territorios, acolleu máis de tres mil filmes. Dez edicións despois, o festival volve a reinventarse para ofrecer un modelo que terá o seu eixo nunha ampla Sección Oficial chamada Cosmos. Nela concentraranse os filmes que antigamente acollían Explora, Radar ou Penínsulas. A vontade de Cosmos é romper as barreiras dos xéneros e a procedencia territorial para poñer os filmes a dialogar sen límites. Cosmos nace para levar a Curtocircuíto a unha nova etapa onde o cinema narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros temas vixentes da nosa sociedade teñan un espazo para a visibilización e a reflexión.

A sección Cosmos é unha das novidades desta vixésima edición

Planeta GZ, Supernova ou Terra seguirán sendo, ademais doutras sesións especiais, os tres grandes espazos onde o cinema galego teña o seu punto de encontro. Por outra banda, o festival pecha a etapa de seccións como Longas x Curto, Curmaos ou Playlist e pola contra medra en sesións especiais con convidadas e convidados que acheguen propostas experienciais, máis aló da proxección convencional. Curtocircuíto ofrecerá espectáculos A/V en directo, nos que converxan artes visuais e sonoras, atendendo ao interese dunha programación innovadora, afastada da oferta pasiva das plataformas VOD e das salas comerciais.

Nova identidade visual

Esta edición trae outras dúas novidades: a identidade gráfica do festival e a propia campaña promocional para 2023. Realizada polo deseñador eenyakee en colaboración coa dirección artística do festival, é atemporal, cabalga entre a liña do moderno e o clásico e acepta sen dificultades un desenvolvemento futuro. 

Dende o festival Curtocircuíto afirman que sempre entenderon que a comunicación do festival é parte da súa liña de programación. Por iso dende hai máis dunha década a campaña promocional de cada edición afonda nos conceptos de “misterio” e “exploración”. A misión de Curtocircuíto é chegar a novos territorios da creación artística e por iso a súa imaxe sempre está vencellada á paisaxe e os lugares por descubrir.

Curtocircuíto 2018 no Teatro Principal

Curtocircuíto en Filmin

Entre outras accións especiais, para celebrar o seu 20º aniversario, Curtocircuíto recupera a súa canle en Filmin. Presentarase un programa de 20 pezas; unha selección dos mellores filmes curtos das últimas dúas décadas, innovadores, rupturistas e visionarios.

Curtocircuíto: 20 anos de Historia

Nestes vinte anos visitaron o Festival nomes históricos do cinema mundial como Aki Kaurismäki, Abel Ferrara, Peter Greenaway, Ulrich Seidl, Todd Solondz, Pedro Costa ou Jørgen Leth; referentes do cinema de vangarda como Peter Tscherkassky, Sergei Loznitsa, FJ Ossang, Bertrand Mandico ou Mike Hoolboom; algúns dos fotógrafos contemporáneos máis destacados do país, como Cristina de Middel, Lua Ribeira, Alberto García-Alix, Joan Fontcuberta ou Ricardo Cases; músicos e investigadores sonoros como David Toop, Francisco López, Jacob Kirkegaard ou Blixa Bargeld; e se lle adicaron a suas primeiras retrospectivas individuais en España a destacadas creadoras contemporáneas: Jessica Sarah Rinland, Ana Vaz, Laura Huertas Millán, Gabriel Abrantes, Andrew Norman Wilson, João Salaviza, Caroline  Poggi ou Teddy Williams. Na sua teima por explorar a converxencia das artes visuais e sonoras, o festival convidou tamén nestes anos a artistas imprescindibles da vangarda experimental: Myriam Bleau, Ryoichi Kurokawa, Alex Augier, Pedro Maia, Martin Bernier, Vessel, Elías Merino ou Marta Valverde.

Para a súa edición de 2023 Curtocircuíto mantén o seu compromiso por apoiar ao cinema independente galego e internacional, e reafirma a súa aposta polas experiencias visuais en vivo, insubstituibles polas plataformas en liña.

Eva Geist na Sala Capitol no Curtocircuíto de 2022

Sedes

Como en cada edición, as sedes do festival contribúen a dar carácter ao seu programa, por seren patrimonio cultural e social co que a veciñanza se identifica e que os forasteiros saben apreciar: o Teatro Principal -construído en 1841-, a sala Numax -referente do cinema independente na cidade- e a Sala Capitol -emblemática sala de concertos- acollerán esta cita imprescindible que xa forma parte da educación artística e sentimental de consecutivas xeracións.

Aclausura do festival celebrarase o 8 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se dará a coñecer o palmarés desta agardada 20ª edición.

Pulsa para ver más contenido para ti