datas

Colle forza en Santiago a vella demanda dun Conservatorio profesional de Danza

A plataforma polo Conservatorio de Danza de Santiago afirma que existe demanda social

A única oferta de formación en danza pública e dependente da Xunta de Galicia reside no centro que funciona en Lugo 

Todos os grupos políticos de Raxoi están a favor de crealo en Compostela

Bailaríns en San Martiño Pinario durante a exhibición Danza no Camiño

Bailaríns en San Martiño Pinario durante a exhibición Danza no Camiño / Antonio Hernández

A Plataforma Placondansa constituiuse no 2020 pero a súa demanda de crear un Conservatorio de Danza profesional en Santiago vén de vello. “A proposta leva máis dunha década enriba da mesa ” di Berta Secall, profesora de Danza e membro da plataforma. “Case desde que se creou en Lugo”. Explica Secall que esta ubicación non é a máis idónea. “Os estudos elementais comezan con 8 anos e non resulta sinxelo para as familias desprazárense alí para recibir a formación”. Di que en Santiago existen 14 escolas privadas, polo que considera que o centro tería moita demanda: “En Galicia hai moi bo nivel musical e iso repercute en todos os estudos relacionados”.

Despois de anos de reivindicación sen froitos, desde Placondansa consideran que “non se está pola labor de facelo”. A proposta reactivouse hai catro anos trala aprobación en Pleno no Concello de Santiago da iniciativa do BNG que recollía o compromiso de colaboración coa Xunta para facer posible a súa creación. A resolución, que saiu adiante cos votos a favor de PSdeG, BNG e CA e a abstención do PP en Raxoi, deulle pulo á demanda. Un ano despois, en novembro de 2020, a plataforma rexistraba no Parlamento de Galicia 4.000 sinaturas de bailaríns, docentes, investigadores, xestores culturais, coreógrafas e coreógrafos e directores de compañías ademais de persoas non relacionadas coa profesión que amosaban así o seu apoio. A partir de aquí, as sucesivas xuntanzas da plataforma cos distintos grupos políticos parlamentarios, incluído o Partido Popular a través da deputada Teresa Egerique, saldábanse co mesmo resultado: recoñecemento da importancia da creación do Conservatorio de Danza en Santiago e compromiso para trasladar a petición á Consellería de Cultura e Educación.

Tamén o portavoz do PP no Concello de Santiago, Borja Verea, naquela altura candidato á alcaldía sumou o seu apoio á creación do conservatorio profesional en Compostela e mesmo incluiu a proposta no programa electoral co que os populares concorreron ás eleccións municipais do pasado 28 de marzo. A Comisión de Cultura do Parlamento debate o 24 de marzo unha proposición non de lei dos socialistas para a construción do Conservatorio. Nela, Egerique presenta unha emenda para avaliar a súa utilidade e o PP remata votando en contra da iniciativa. Era a segunda vez, pois xa emitira un voto negativo noutra comisión o 30 de outubro de 2020.

Nina Ninette, de Determinada Compañía, no Auditorio de Galicia / antonio hernández

Nina Ninette, de Determinada Compañía, no Auditorio de Galicia / antonio hernández

Chegados a este punto morto, o entón alcalde, Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, reafirmaban o “apoio incondicional” do Concello e concretábano na oferta de cesión á Xunta dunha parcela municipal de mil metros cadrados, situada a carón do aparcadoiro de Altiboia e preto do Conservatorio de Música de Monte dos Postes.

O último capítulo desta reclamación de longo percorrido prodúcese pouco antes dos comicios locais. O 2 de maio, a nacionalista Mercedes Queixas realiza unha pregunta oral no Pleno do Parlamento, rexistrada polo trámite de urxencia e dirixida ao conselleiro Román Rodríguez. Nela, Queixas interpelábao a rectificar “escoitando o clamor social e profesional do mundo da danza e do ensino” e pedíalle que recibise de urxencia a Plataforma para comprometer prazos, orzamento e localización para a posta en marcha dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago que lles permita acceder a esta formación ás persoas “interesadas do centro e sur de Galiza”. A resposta do conselleiro volveu causar decepción na Plataforma ao tildar a inciativa de “oportunismo político da oposición ao atoparnos ás portas das eleccións locais”.

Preguntado por EL CORREO acerca deste posicionamento, desde o Partido Popular de Santiago reiteran o seu “total compromiso a favor da creación” e recordan que Borja Verea se comprometera a conseguir o apoio na Cámara galega e que así o fixo, e acusan a PSOE e BNG de utilizalo “de maneira partidista, esixindo a construción inmediata, algo que eles mesmos sabían que era imposible sen os estudos previos”.

Sexa como for, con ou sen avaliación previa, a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, confirma que o Concello de Santiago de Compostela levará esta reclamación histórica á súa próxima xuntanza co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. “Un conservatorio”, di Sanmartín, que activou unha plataforma polo Conservatorio de Danza de Santiago que demostrou con datos que existe demanda social e posiblidades de que Santiago sexa o centro dunha comarca onde se poidan facer eses estudos”. Recorda a alcaldesa que “hai ademais pronunciamentos plenarios favorables á existecia do mesmo” polo que a pelota está agora no tellado da Xunta que terá que dar o seguinte paso neste maratón de baile que coma na famosa película de Sidney Pollack semella non ter fin.