Borja Verea esixe ao Goberno do BNG a retirada da “instrución contra a hostalaría”

O líder do PP denuncia que con este documento "saltan polos aires os principios de igualdade e legalidade"

Define a hostalaría de Santiago como "un dos piares da cidade" e acusa o bipartito de poñela "no centro da diana"

Borja Verea (PP) durante unha comparecencia no Pazo de Raxoi

Borja Verea (PP) durante unha comparecencia no Pazo de Raxoi / CEDIDA

Redacción

O líder do PP (Partido Popular) local, Borja Verea, esixiulle onte ao Goberno municipal a retirada da “instrución contra a hostalaría’. Para Borja Verea, con este documento que o bipartito defende que é só “informativo”, “saltan polos aires os principios de igualidade e legalidade e deixa nas mans dos políticos nacionalistas cando queren pechar un local, ou cando e que obras lles obriga a facer”.

Borja defende que “os nosos restaurantes, cafeterías e locais son a esencia de Compostela, o goberno do BNG non pode crear un clima de hostilidade e desconfianza contra un dos piares da nosa cidade”.

No seu comunicado, o líder dos 'populares' insistiu en que “os nacionalistas están poñendo na diana” a toda hostalaría da cidade, “como presuntos delincuentes que requiren unha vixilancia especial”, e calificou de “erro político” a decisión de difundir a mencionada instrución entre o sector.

"Esta instrución vai xerar o efecto contrario do que pretende”, sinalou Verea, quen advertiu tamén que “non vai aclarar nada e vai xerar un caos e unha inseguridade nos centos de pequenos negocios de Compostela”, porque “a norma está chea de xeralidades e vai a supoñer que se pechen uns locais si e outros non, tan só por decisións políticias”

Por todo iso, conclúe Borja Verea, “o goberno do BNG equivócase, a hostelería compostelá non é inimiga de ninguén, a hostalaría é e debe ser unha aliada fundamental para deseñar o futuro de Compostela”.