Esgótanse en 30 horas os Bonos Corazón: 12.000 persoas beneficiaranse dos descontos

Descargáronse 21.650 bonos, que se poderán utilizar ata o 22 de decembro

A convocatoria permitirá mobilizar máis dun millón de euros no comercio e na hostalería locais.

Los Bonos Corazón se agotan apenas 30 horas

Los Bonos Corazón se agotan apenas 30 horas / Archivo

Redacción

Os Bonos Corazón quedaron esgotados este sábado, pouco máis de 30 horas despois de que se habilitara a súa descarga na web bonoscorazoncompostela.gal. Un total de 12.051 persoas descargaron 21.650 bonos, que se poderán utilizar ata o 22 de decembro. A convocatoria permitirá mobilizar máis dun millón de euros no comercio e na hostalería locais.

A convocatoria dos Bonos Corazón xerou unha enorme expectación, e en pouco máis de 30 horas quedou esgotado o orzamento de 433.000 euros destinado ao programa. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, destacou que tamén está a ser un éxito a participación de establecementos de comercio e hostalería, con máis de 480 negocios inscritos en dous días. O prazo de adhesión finaliza ainda o 4 de decembro.

A principal novidade da convocatoria deste ano era que todos os bonos dispoñibles eran de 50 euros e podíanse adquirir un máximo de tres por persoa. O obxectivo era simplificar o proceso e chegar ao maior número de persoas consumidoras. Neste sentido, superáronse as previsións, que apuntaban a que unhas 7.200 persoas descargarían os bonos, e finalmente foron máis de 12.000.

En cada un dos bonos, a persoa consumidora achega o 60% do importe, e o 40% é o que corre a cargo do Concello. Desta maneira, unha persoa que descargara tres bonos de 50 euros, abonou 90 euros, e os outros 60 son a achega municipal. Os Bonos Corazón poderánse utilizar nunha ou varias compras ata o 22 de decembro, e a partir desa data os bonos non trocados caducarán.