O Concello de Santiago abre este venres o prazo para solicitar os Bonos Corazón

Ás 9.30 horas deste venres pódense solicitar os bonos en liña

Cada usuario poderá retirar até un máximo de tres bonos de 50 euros cada un

María Rozas e Lucía Castro na presentación da campaña Bonos Corazón

María Rozas e Lucía Castro na presentación da campaña Bonos Corazón / CONCELLO

Ás 9.30 horas do venres, a venciñanza de Compostela poderá retirar os Bonos Corazón para consumir no pequeno comercio e na hostalaría da cidade. As solicitudes fanse a través da web bonoscorazoncompostela.gal, un portal a través do que tamén o sector comercial e hostaleiro pode inscribirse para sumarse á campaña de descontos.

Aquelas persoas que teñan máis dificultades coa tecnoloxía tamén pode achegarse ás dependencias municipais para que o persoal municipal lles axude neste trámite.

Cada usuario vai poder retirar desta volta un máximo de tres bonos, por valor de 50 euros cada un, dos que o 20% é asumido polo Concello compostelán. O prazo de validación destes cupóns de desconto para o comercio e a hostalaría remata o vindeiro 22 de decembro. Non é así para os negocios locais, que poden inscribirse para participar até o día 4 de decembro.

O anuncio fíxoo esta mañá no Pazo de Raxoi a concelleira de Promoción económica, María Rozas, xunto á Lucía Castro, responsable do departamento técnico de comercio do municipio. Para esta edición, a terceira dos Bonos Corazón, o Goberno local habilitou un orzamento de 433.000 euros, "logo de doblar a cantidade fixada polo anterior goberno e botando man de aforros doutros departamentos", explicaba Rozas.

Na edición de 2022 a campaña contou con 1.250.000 euros, “grazas aso remanentes do Concello”, e en 2021 o orzamento foi de 680.000 euros.

A responsable de comercio lembrou que “os detalles da convocatoria foron postos en común antes da súa aprobación tanto coas asociacións de comerciantes como coas de hostalería, ás que agradecemos a súa implicación e actitude construtiva”.

Lucía Castro quixo abundar en que os bonos tamén se poden solicitar presencialmente previa cita a través do correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 492.

“Trátase de evitar a fenda tecnolóxica, pensando sobre todo na poboación de maior idade”. Así mesmo, a técnica de comercio tamén apuntou que xa había xente anotada para esa cita presencial dende as dúas últimas semanas, para poder realizar a solicitude canto antes.

No momento da compra, as persoas usuarias mostrarán ese código QR para realizar o pago, e o importe do bono irase reducindo ata o seu esgotamento. Os bonos poderánse utilizar nunha ou varias compras ata o 22 de decembro, e a partir desa data os bonos non trocados caducarán.

Se cada usuario retira o máximo de bonos, darase cobertura a unhas 7.000 persoas, segundo os datos da concellaría, e producirase un movemento económico de máis dun millón de euros. Outra das novidades desta terceira campaña é a limitación de superficie dos comercios a un máximo de 500 metros cadrados, coa meta de favorecer o pequeno comercio da cidade.

Está previsto que o Boletín Oficial da Provincia publique mañá as bases da convocatoria e, unha vez cumprido ese trámite, os Bonos Corazón estarán dispoñibles para a súa descarga. A responsable de Comercio lembrou que "os detalles da convocatoria foron postos en común antes da súa aprobación tanto coas asociacións de comerciantes como coas de hostalería, ás que agradecemos a súa implicación e actitude construtiva".