Moción conxunta de BNG, CA e PSOE para que a Xunta pague o aparcamento do CHUS

Baséanse nos datos da área sanitaria, máis de 450.000 pacientes dos que a veciñanza compostelá representa un 22%

As forzas progresistas entenden que é a Administración autonómica quen debe asumir a ampliación

María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) e Gonzalo Muíños (PSOE) / Jesús Prieto

María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) e Gonzalo Muíños (PSOE) / Jesús Prieto / Jesús Prieto

Os voceiros do BNG, CA e PSOE, Míriam Louzao, María Rozas e Gonzalo Muíños, respectivamente, compareceron onte en rolda de prensa para anunciar a presentación conxunta, no pleno municipal da próxima semana, dunha moción que reclame que a Xunta asuma as súas competencias en canto á ampliación do aparcamento do Hospital Clínico (CHUS) e á xestión da mobilidade na contorna do mesmo.

Baseándose nos datos da área sanitaria, con máis de 450.000 pacientes dos que a veciñanza de Compostela só representa un 22%, as forzas progresistas da Corporación local entenden que é a Administración autonómica a que debe asumir o custo da ampliación do CHUS, así coma do seu aparcamento, e consideran que a Xunta de Galicia ten un trato “discriminatorio coa veciñanza de Santiago” fronte a outras cidades onde tamén se ampliaron hospitais.

A porcentaxe económica reclamada pola Xunta de Galicia ao Concello de Santiago, que ascende a 4,3 millóns de euros, “non pode saír dunha regra de tres”, explicaba María Rozas (CA), comparando con cidades como A Coruña ou Pontevedra, onde o número de usuarios da cidade na área sanitaria correspondente supón unha porcentaxe maior que a da capital de Galicia.

“Hai unha grande diferencia en canto ás ampliacións doutros hospitais”, recalcaba Rozas, tendo en conta ademais, que o novo centro de Protonterapia, “dará servizo non só a Santiago, senón que será centro de referencia en Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal”. 

As tres forzas políticas coincidiron en reseñar novamente que “o recinto do CHUS é propiedade do Sergas, e resolver o problema de mobilidade é competencia da Xunta de Galicia”. “Mellorar a rotación das prazas de aparcamento dos traballadores do CHUS, que ocupan o 80% do espazo a primeira hora da mañá”, lembraba Míriam Louzao, é responsabilidade da administración autonómica.

“Ofrecemos unha parcela próxima ao CiMUS con máis de 400 prazas de aparcamento”, comentaba Gonzalo Muíños (PSOE) “para mellorar esa rotación no aparcamento do CHUS, como se indica no propio estudo de Mobilidade da Xunta”. O edil socialista non quixo pasar por alto que dende a Xunta, “estes meses estiveron enredando e tomándonos o pelo”. Muíños recalcou que a parcela do aparcamento do CHUS “é da Xunta, e o hospital é un equipamento supramunicipal que debe financiar” a administración autonómica.

A voceira nacionalista, tomando as palabras da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que “a pelota non está do lado do Concello, este problema existe dende hai 24 anos”.

Borja Verea é “desleal” coa veciñanza, din os tres voceiros

Os tres voceiros municipais lamentaron que o PP local non se sume á moción, aínda que “non houbo un convite expreso”, segundo afirmou Míriam Louzao (BNG), porque os tres coinciden en que o líder ‘popular’, Borja Verea, se posicionou con “deslealdade cara á veciñanza que o votou e sendo só leal ao seu partido e á Xunta”.

“Verea está instalado na autocompracencia, a xente votouno para representar a Santiago e non para ser voceiro da Xunta”, afirmaba o socialista Gonzalo Muíños. O líder popular dará mañá unha rolda de prensa para falar do asunto do aparcamento no Hospital Clínico.

Dende o Goberno autonómico a resposta ao anuncio das forzas progresistas do Concello de Santiago non se fixo agardar. A Xunta reiterou o “ofrecemento” a crear “un marco de colaboración para traballar xuntos a prol da mellor integración urbana do CHUS na cidade”, recalcando que “non é posible definir ésta sen a implicación do Concello, que ten competencias urbanísticas e de mobilidade”, a pesar de que dende a Corporación local se insiste no ofrecemento da parcela do CiMUS. 

“Do mesmo xeito que o Concello de Santiago se implicou na integración urbana da estación intermodal que construíron a Xunta e Adif, entendemos que se debe implicar na integración urbana do CHUS”, centro hospitalario que definiu como “equipamento estratéxico” da urbe.

Neste sentido o Goberno autonómico reiterouse en que o que se lle propón a Compostela “é o mesmo que están a facer o Concello da Coruña e o Concello de Pontevedra nos respectivos hospitais destas cidades”. “Sorprende que o BNG e o PSdeG en Compostela critiquen o que eses mesmos partidos subscriben en Pontevedra e na Coruña”. 

A Xunta incidiu en que está a investir 110 millóns de euros na renovación do CHUS e na ampliación do parking, “de mil prazas, cun custo de 18 millóns dos que Santiago tería que achegar 4,3”. “A integración urbana do CHUS e os problemas de aparcadoiro non se solucionan cunha parcela a máis de 200 m. do recinto”.

Manuel Soto, veciño de Santiago: “Está ben que o Concello colabore”

Achégase ao Hospital Clínico para unha consulta externa, algo que debe facer no seu vehículo particular, xa que non lle coincide unha boa liña de bus. “É o de sempre, non hai onde aparcar, menos mal que nos deixan subir á beirarrúa”, explica. Sobre o aparcamento da Choupana, privado, coincide coa maioría de usuarios sobre “o caro que é, aparco onde podo”.

Para Soto, a solicitude da Xunta ao Concello de Santiago de 4,3 millóns de euros para o novo aparcadoiro parécelle razoable, “está ben que colabore o Concello, que poida dar unha pequena axuda, porque aquí concorre moita xente e é un caos, un constante ir e vir de coches”.

Cati Villaverde, veciña de Ames: “Máis prazas para quen vén de fóra”

Vén até ao CHUS dende Ames de maneira habitual, ben coa súa nai (na imaxe con ela) en ambulancia, ben cos seus cativos no vehículo particular. “A situación do aparcamento é un desastre, un caos, vin co meu neno o luns unha hora antes da cita e o aparcamento xa estaba completo, levoume unha hora estacionar”.

Sobre o parking da Choupana, Villaverde insiste en que se “debería rebaixar o prezo, isto está en constante movemento”. Sobre o dato do 80% de ocupación do aparcamento por parte do persoal do CHUS, esta usuaria pide “ampliar outro tanto e darlle servizo á xente que vén de fóra”. 

María Lago, veciña de Brión: “Máis transporte público ata o CHUS”

Acode ao Hospital Clínico dende Santa Minia de Brión. Non dispón de vehículo propio, así que depende do favor de familiares ou veciños nalgunhas ocasións. “Hai moito coche e pouco sitio”, insiste, “e o aparcamento privado é moi caro”. Para Lago sería importante ampliar as liñas de transporte interurbano, que agora a deixa no Camiño Novo, para que puidese achegarse até o propio hospital. “Dende o Camiño novo teño que vir camiñando, e non é o mesmo cando hai bo tempo que cando o hai malo”, afirma. “Creo que é necesario que haxa máis transporte público, que nos achegue até aquí”.

Manuel Oubel, veciño da Coruña: “Máis servizos públicos”

Pertence á área sanitaria da Coruña, mais por acompañar un familiar achégase tamén de cando en vez ao CHUS. “Tardei dúas horas en estacionar e atopei sitio aló abaixo”, explica. Sobre as tarifas do aparcamento privado insiste, “é unha esaxeración, co tempo que se está aquí e coas necesidades que hai non poden cobrar o que cobran”.

Sobre a ampliación das áreas de estacionamento do centro, non dubida, “hai unha mole de hospital, vén xente de toda Galicia e non hai onde aparcar”. Este usuario coincide en que se precisan “máis servizos públicos para que a xente deixe o coche no garaxe”.