Aitor Bouza pídelle a Sanmartín que poña enriba da mesa unha “solución” para a hostalaría

O líder dos socialistas composteláns reclama unha solución pola vía do diálogo que “podería consistir na actualización do plan de inspeccións aprobado en 2014”

Pide explicacións ao presidente da Xunta “polo trato que recibe a cidadanía de Santiago, como se fose de segunda” para solucionar os problemas de mobilidade no CHUS

O líder do PSdeG en Santiago reuniuse recentemente con representantes da hostelería

O líder do PSdeG en Santiago reuniuse recentemente con representantes da hostelería / Cedida

Redacción

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, compareceu onte en rolda de prensa para dar conta da xuntanza que mantivo coas asociacións de hostalaría da cidade, “unha problemática evidente”, segundo as súas palabras, que deriva de que a instrución aprobada en outubro deste ano “non clarifica que se vai inspeccionar”. Por iso, o líder socialista proponlle ao goberno de Goretti Sanmartín que busque “unha solución inmediata e se non é capaz, brindámonos a sentar nunha mesa e atopar un acordo de cidade”.

“O único interese do PSOE é o de defender os intereses da cidade, cuestións estratéxicas”, como é ao seu ver o sector hostaleiro de Santiago, e “non facer un uso partidista” desta cuestión. Por iso, Aitor Bouza reclama a actualización do Plan de inspeccións de 2014 e adaptación da instrución aprobada polo goberno de BNG e CA dentro dese mesmo plan. 

En referencia ás palabras do edil de Urbanismo, Iago Lestegás, sobre o carácter técnico da instrución, Aitor Bouza matizou que se trata “non dunha cuestión técnica senón dunha decisión política”.

Bouza insitiu nun “pacto entre todas as forzas políticas” e en que “o que consigamos non reverterá no PSOE senón na cidadanía”, e recalcou tamén que “o sector non se nega a cumprir a normativa”, o problema é, segundo Bouza, que non se sabe que é o que vai inspeccionar a instrución. 

O líder dos socialistas composteláns defendeu que a citada norma municipal “non pode xerar alarma social” e respondeu ás palabras da alcaldesa Sanmartín, que afirma que “o sector hostaleiro cumpre”, preguntándose que se é así “por que hai unha instrución?”. Para Aitor Bouza, “semella que non se quere dar marcha atrás a unha decisión adoptada que igual non era a correcta”.

Bouza substentou a “alarma” xerada no caso das discotecas de Murcia que sufriron incendios hai un meses e na incidencia acontecida na Sala Malatesta, e defendeu que en Santiago “non había esa alarma” até o momento presente.

Participación nas mobilizacións feministas

Na véspera do 25N, o líder dos socialistas reivindicou unha vez máis o compromiso do PSOE co movemento feminista “para acabar coa lacra do machismo que nos asola día a día”.

Bouza, recordou a campaña lanzada polo Partido Socialista baixo o lema “O machismo deixa pegada”, centrada no impacto do machismo nas diferentes facianas do día a día. Afirmou ademais a disposición do partido para participar nos diferentes actos programados para mañá, “sen eclipsar o movemento feminista, pero apoiando e participando de todas as súas mobilizacións”.