O PP de Santiago esixe ao bipartito que explique o desvío de fondos de Educación e centros socioculturais

Borja Rubio: "O Goberno máis minoritario da historia decide sen consensuar co resto de forzas"

Denuncian que o BNG non explique a onde destinará ese diñeiro

Dende o goberno municipal aseguran que se trata de "partidas que quedaron sen utilizar, ben por licitación de novos contratos ben por sobrantes na limpeza"

O edil do PP de Santiago, Borja Rubio

O edil do PP de Santiago, Borja Rubio / Ana Triñáns

O edil do PP de Santiago Borja Rubio compareceu en rolda de prensa este martes para denunciar o desvío de fondos das áreas de Educación e Centros Socioculturais por parte do Goberno local. Rubio esixiu ao Bipartito (BNG-Compostela Aberta) que explique "a onde se desvían eses fondos de forma completa e clara", unha partida que se cifra en 430.000 euros.

Consultado por EL CORREO GALLEGO, o goberno local asegura que "con esta modificación e para evitar que se perdan eses fondos, esas partidas irán para financiar as festas do Nadal e o burato que deixou o PSOE nas festas do Apóstolo, que era de 335.000 euros".

A petición de explicacións do PP atende á "precaria situación de centros de ensino e culturais" que, segundo o PP, coñece a cidadania pero o goberno local "ou é sabedor e non o considera importante ou a descoñece", ningunha destas dúas opcións "é boa" para os populares.

O goberno municipal, como xa adiantou o pasado domingo este diario, asegura que "despois de que o PP votase en contra da transferencia de crédito buscando remanentes para a organización das festas do Nadal houbo que buscar o financiamento noutros departamentos". Asegura que eran partidas destinadas á emerxencia Covid-19, e unha vez desaparecida esa emerxencia botaron man dunhas partidas "que quedaron sen utilizar, ben pola licitación de novos contratos ben por sobrantes na limpeza dos centros de ensino e nos centros socioculturais".

O PP critica tamén a falta de consulta e diálogo por parte do Goberno municipal ante o resto de forzas da Corporación, "sendo o máis minoritario da historia", exemplo para os 'populares' de como é o Goberno de Goretti Sanmartín. Dende a Alcaldía, deféndese que "o goberno local actúa con responsabilidade para destinar aqueles fondos que non se prevén gastar, para incrementar a partida de festas que non tiña previsión no orzamento co obxectivo de poder pagar con maior axilidade e transparencia as facturas de actividades que se contraten".

Dende o goberno municipal explícase que "no informe detállase que este crédito dispoñible obedece a crédito consignado no orzamento prorrogado para un servizo extraordinario que, unha vez desaparecida esa situación de emerxencia Covid, se considera dispoñible real". Inciden ademais en que "esta cesión non afecta ao normal funcionamento do servizo de Educación" ou centros socioculturais.

Borja Rubio quixo resaltar as deficiencias dos centros educativos e sociais en canto a mantemento e limpeza e lembrou que xa noutra ocasión o bipartito desviou fondos de Deportes, "e todos coñecemos a situación das instalacións deportivas".

As cifras

Segundo a Concellaría de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local do Concello de Santiago, a aprobación desta transferencia de crédito por valor de 430.000 euros, ten a seguinte orixe:

  • 5.218,86€ proceden da administración xeral de educación, reparacións, mantemento, maquinaria e utillaxe.
  • 158.655,14€ achéganse denda limpeza e aseo dos centros socioculturais.
  • 55.723,42€ saen da limpeza a aseo dos CEIP (Colexios de Educación Infantil e Primaria).
  • 210.402,58€ proveñen de traballos feitos por outras empresas en materia de seguridade nos colexios.

O destino dos fondos, segundo a mesma concellaría é o que segue:

  • 150.000 para arrendamento de maquinaria.
  • 30.000 para publicidade.
  • 160.000€ dedícanse a actividades.
  • 20.000€ empréganse en materia de seguridade.
  • 70.000 destínanse a estudos e traballos técnicos.