O PP compostelán insiste en que o Goberno local explique o desvío de 100.000 euros da área de Deportes

José Ramón de la Fuente denuncia ás “grandes carencias” deste departamento

Preguntan se a edil responsable desa concellaría, Pilar Lueiro, está de acordo coa medida adoptada

O edil José Ramón de la Fuente durante a roda de prensa en Raxoi

O edil José Ramón de la Fuente durante a roda de prensa en Raxoi / PP

O Partido Popular de Santiago insiste en que o “goberno do BNG” explique o desvío de 100.000 euros do departamento de Deportes a outra área cando está adoece de “grandes carencias”. En rolda de prensa, o edil do PP José Ramón de la Fuente esixiu saber a onde se destinaron eses fondos e denunciou que “a semana pasada preguntámoslle ao Goberno nacionalista sobre o movemento destes cartos, que inicialmente ían empregarse no mantemento de campos de fútbol, a uns inconcretos ‘outros gastos diversos’, pero, lamentablemente, unha semana despois a señora Lueiro segue sen responder”.

De la Fuente insistiu en que “son necesarias explicacións urxentes sobre este desvío de cartos que se lle están a quitar ao deporte compostelán, ademais faise imprescindible que sexan claros á hora de identificar o destino desa partida de case 100.000 euros”.

“Tamén quereriamos saber se esta vai a ser a política á que van condenar ao departamento que dirixe Pilar Lueiro durante todo o mandato e se a propia edil está de acordo con esta forma de gobernar, é dicir, se esta vai ser a súa maneira de defender o deporte desta cidade, porque de ser así, mal empezan”, destacou o edil do PP.

Para De la Fuente, na área de Deportes existen moitas carencias, tanto en investimentos como en melloras, “tal e como recoñeceu no pleno a propia Lueiro, necesidades que, obviamente, non están solucionadas, pero que parece que non hai interese en arranxar, posto que a responsable deste departamento deixa que outros concelleiros lle leven os cartos”.

“Desde o PP de Santiago, tememos que de seguir así a cousa o seguinte sexa suprimir esta concellaría, porque está claro que a súa titular pouco pinta aquí”, remarcou De la Fuente. 

“A nós gustaríanos saber se a concelleira Lueiro se interesou en saber que opinan as entidades deportivas desta desviación de cartos”.

Ante as denuncias e demandas dos ‘populares’, a edil nacionalista e responsable da área de Deportes, Pilar Lueiro asegura ter respondido no propio pleno e insiste en que se trata de “modificacións contables para temas de urxencia e conseguiremos recuperar eses fondos para deportes”. Ademais, Lueiro lánzalle unha proposta ao PP local, “tamén a Xunta pode investir en Santiago e estariamos encantadas de que o PP llo reclamase para mellorar as instalacións deportivas” da cidade.

Denuncian a mala xestión

Na rolda de prensa realizada onte no Pazo de Raxoi, José Ramón de la Fuente denunciou a “mala xestión” do goberno bipartido.

“O que para a concelleira nacionalista é xestión, para o deporte da cidade, do tecido deportivo compostelán e do PP de Santiago é mala xestión ou ausencia da mesma”, asegurou, “posto que a obriga do Goberno do BNG é defender o orzamento de cada departamento, neste caso, para o deporte, e non permitir que se saquen cartos para outra finalidade totalmente descoñecida”.

O edil do PP aproveitou a comparecencia para enumerar algunhas deficiencias que o seu grupo apreza na xestión deportiva do goberno local, como o abandono do campo de fútbol de Figueiras, a situación do estadio Verónica Boquete en San Lázaro, “con desprendementos, humidades e pingueiras”, así coma os problemas de iluminación do estadio que “non garanten” unha iluminación que permita a transmisión televisiva nocturna dos partidos da S.D. Compostela.