A Inquisición volverá estar máis viva que nunca en Santiago

Maos Innovación Social, apoiada pola Deputación da Coruña, organiza os días 16 e 17 de decembro paseos pola cidade percorrendo a historia do Santo Oficio

A Casa da Inquisición ainda ocupaba, en 1910, a esquina de Praza de Galicia en la que hoxe está o hotel Compostela

A Casa da Inquisición ainda ocupaba, en 1910, a esquina de Praza de Galicia en la que hoxe está o hotel Compostela / ECG

Gabriel Fernández Blach

A cooperativa compostelá de economía social Maos Innovación Social presentou este mes o seu proxectoCompostela en Conflito’. Trátase dunha iniciativa cultural que pretende dar difusión a acontecementos históricos descoñecidos polo público xeral. Dentro desta proposta, xa que haberá máis eventos, atópase o paseo ‘A Inquisición e Compostela’. Esta visita guiada percorrerá o 16 e 17 de decembro os puntos máis importantes da historia do Santo Oficio na cidade de Santiago, “dende a súa instauración en 1574 até a súa extinción definitiva en 1834”, afirman dende a organización. As rutas terán unha duración de dúas horas e o primeiro día haberá dúas quendas, ás 12:00 horas e ás 19:00 horas, mentres que no segundo haberá só unha, ás 12:00 horas. A ruta do paseo ensinará as dúas sedes que tivo na cidade (unha na Praza San Miguel dos Agros e outra na Rúa do Hórreo, na actual ubicación do Hotel Compostela), alén doutros lugares do Casco Histórico que foron claves no desenvolvemento do Santo Oficio na cidade do Sar.

A experiencia ten carácter informativo e pretende xerar unha reflexión no público, máis alá do enfoque negativo que pesa sobre a imaxe desta institución. A experiencia terá que ser en parte imaxinativa, debido a que os edificios que ocupou a Inquisición no seu momento xa non se atopan en pé.

Por outra parte, dende a organización son “conscientes de que a Inquisición non fixo cousas boas, pero pretenden ir máis alá disto”, comenta Óscar Senra, traballador de Maos Innovación Social. O xerme de realizar estes paseos atópase no “decubrimento de Emila Pardo Bazán como gran defensora da Inquisición”, comenta Senra. Este descubrimento “escandalizou” o persoal de Maos Innovación Social e foi o inicio para esta investigación sobre este tribunal, algo que empregan de “escusa ao longo do paseo, para ver se lle dan a razón a Emilia Pardo Bazán sobre a defensa desta institución”.

A iniciativa tamén conta coa colaboración de Xosé Antón G. Serén (editor e investigador), Marga Tojo (xornalista, escritora e comunicadora) e Verónica Ramillo (traballadora social, sexóloga, fotógrafa e facilitadora de grupos). O nome da iniciativa ‘Compostela en Conflito’ fai referencia a que a historia está composta polo conflito, algo que é dificilmente negable. Un proxecto que ten como obxectivo “coñecer a historia dos conflitos que deron forma á cidade ofrece unha oportunidade única para comprender o presente e a identidade que compartimos”, destacan dende a organización. O Santo Oficio é algo amplamente coñecido noutros puntos do estado, pero en Galicia, recoñece Óscar Senra, “é algo descoñecido, a pesar do impacto que tivo nos nosos dereitos”. Senra pón de manifesto este descoñecemento con exemplos como o da “muller que queimaron viva na Praza de Cervantes”, algo que segundo el conta “non o sabe case ninguén”.

A visita tamén percorrerá a Praza de San Roque, xa que alí se atopa o hospital homónimo que fundou o arzebispo Francisco Blanco, responsable da introducción da Inquisición en Compostela. Xa que o Tribunal do Santo Oficio se intentou instaurar dende o ano 1520, pero por mor das características sociais de Galicia foi complicado e non o conseguiu ata anos despois. Outra das paradas desta viaxe no tempo é o edificio da Facultade de Xeografía e Historia, xa que “este foi o segundo colexio xesuíta da cidade, no S.XVIII”, indica Óscar. A Rúa do Vilar tamén é outro dos puntos desta ruta, xa que nesta céntrica vía compostelá sancionáronse a uns vendedores de “postais pornográficas”, pero en realidade se trataba de imaxes con “escenas relixiosas”.

Con estes antecedentes pode parecer que esta visita parte dunha visión negativa da Inquisición, pero non se presenta así. “Queremos dar pistas para que a xente decida por si mesma, non lle imos dar a reflexión feita”, destaca Óscar Senra. A Inquisión galega foi diferente á do resto da Penísula Ibérica e de Europa, dado que aquí o tempo de implementación prolongouse máis que no resto de zonas. Este retraso foi debido ás “reticencias que tiña o arcebispado”, ademais Senra explica que “o clero tiña moito poder e a Inquisición viña para vixiar aos curas, os seus actos”. A irrupción desta institución poñía en perigo as pautas de vida do clero, evitando que puidesen cometer actos inadecuados como “roubar esmolas ou realizar proposicións indecentes”. Poderíase dicir que a Inquisición funcionaba como un “tribunal de asuntos internos da Igrexa”, destaca Senra.

Por outra parte, a aparición do Santo Oficio representaba “o poder monárquico”, algo que, socialmente, non se aceptaba en Galicia e provocaba rexeitamento. Buscábase manter “o status quo que se atopaba nese momento liderado polos curas e o arcebispo”. As características económicas tamén xogaron un papel decisivo na implementación, dado que non estaban a ter grandes recadacións de diñeiro no territorio e isto era necesario para desenvolver a actividade de forma adecuada. Alén das recadacións, a sede da Inquisición tamén foi motivo de discordia pola falta de opcións dispoñibles, “ninguén lles quería deixar un edificio”, explica Óscar.

Galicia representaba un eixo de importancia para o Santo Oficio, tratábase da “entrada da herexía protestante”. É dicir, trátase dunha entrada estratéxica pola súa posición xeográfica que permitía a entrada de materiais procedentes de Inglaterra, por exemplo, libros que, ao mellor, non permitía a doutrina católica. Por outra parte, o territorio galego era unha porta de entrada para os xudeus que fuxían de Portugal pola irrupción do Santo Oficio alí. Podería dicirse que “Galicia era un problema para a Coroa de Castela”, destaca Senra. A Inquisición buscaba controlar esta zona de refuxio para todo o que perseguía. Chegaron a “ocultarse libros en botas de viño”, comenta Óscar Senra. Isto tan só é unha parte do que ofrecerá este paseo por Santiago.