Entrevista | Ana Moreiras Autora da novela gráfica ‘Xaora’, publicada por Aira Editorial

“Hai que asumir que a vida non sempre é o que soñaches”

A creadora é orixinaria de Burela, na Mariña luguesa, vive dende hai anos de a cabalo entre Compostela e Boiro, onde exerce como profesora de Tecnoloxía no IES A Cachada

Ana Moreiras (Burela) é docente de Tecnoloxía en Boiro e autora de 'Madialeva' e 'Xaora'', editados por Aira

Ana Moreiras (Burela) é docente de Tecnoloxía en Boiro e autora de 'Madialeva' e 'Xaora'', editados por Aira / Alexandra Pacheco

O pasado 30 de novembro presentaba en A Casa do Taberneiro (rúa de San Pedro) a súa segunda novela gráfica, Xaora, a súa primeira creación, Madialeva, saía ao mercado en outubro de 2020 tamén da man de Aira Editorial. A autora debulla con EL CORREO as chaves de ambas as dúas obras.

Como presentaría Ana Moreiras esta segunda novela, Xaora?

É o relato dalgo que todas pasamos en momentos críticos, de insatisfacción, de inconformismo... contado dende a perspectiva positiva de que, en primeiro lugar, ten que ser así, e en segundo, non ten que ser terrible. Hai que asumilo, a vida non sempre é o que soñaches pero non por iso hai que fundirse na miseria.

Para a introdución escolleu unha cita de Hermann Hesse sobre a présa da vida moderna. Que hai diso na novela?

En última instancia, a motivación do libro son todas esas dolores e angustias, das que logo nos decatamos que a causa é non dedicarlle o debido tempo a facer o que debemos, que é socializar e querernos. E chamoume moito á atención que ese texto de Hesse ten cen anos, agora tendemos a dicir que foi o móbil, pero non, é unha tendencia humana de complicarte a vida e apurarte.

Unhas das secuencias ilustradas na novela gráfica ‘Xaora’

Unhas das secuencias ilustradas na novela gráfica ‘Xaora’ / CEDIDA

En Madialeva descubría conversas entre mulleres na esfera máis privada, cando os homes non estaban presentes e aínda que había humor, haino moito máis buscado en Xaora, non si? Xa só polo feito de que á protagonista se lle apareza a súa avoa morta...

Non aspiro a nada máis na vida que a poder ter humor, de feito ás veces a miña cabeza vai un pouco coma a de Mafalda. Teño ideas moi surrealistas que me fan moita graza, pero logo complícaseme a cousa á hora de transmitilo. E no caso da avoa da novela, pensaba, “se viñera agora a miña, co xenio que tiña, e se me mete na vida pónme a andar”, e faime moita graza porque a miña avoa era simpática e xeniuda.

E tamén por iso a puxen a dar voltas nunha cadeira, porque cando eres vella tes unha limitación física para divertirte, polas reumas, pero se volves ser nova supoño que o primeiro que gozarás será de ter un corpo novo, áxil, elástico... 

Con Madialeva dicía que calquera obra de ficción está baseada, moitas veces, en cachiños do real. É así tamén en Xaora?

Totalmente. Non teño unha moi grande inventiva, necesito personaxes reais, escenarios reais... E logo embarúlloos, porque dedico sen querer moito tempo a distraerme do que me está a pasar. Alguén me conta que meu avó moceaba con fulana e pérdome da segunda parte do que me contan e fabulo. E logo le meu pai a historia e vénme a dicir “con quen estas a insinuar que moceaba meu pai” (risas).

Xa que nos desvela dalgún modo como chegan as historias que conta, cóntenos cal é o seu proceso creativo, porque Xaora ten un cariz moi cinematográfico... 

O meu editor pensa o mesmo e realmente eu penso en background e película, vivo en Parker Lewis dende os anos oitenta. Non enfoco o cómic dende o lado manga nin dende o máis intimista, senón que é mais ben dende o storyboard. Indagando sobre procesos creativos doutros artistas vexo que non é o máis habitual, salvo en Paco Roca.

Penso unha historia, téñoa na cabeza e penso como a vería se se proxectase nunha pantalla. A imaxe chega ao final, e baséome totalmente en imaxes reais. O meu pensamento é literario e narrativo.

Unhas das secuencias ilustradas na novela gráfica ‘Xaora’

Unhas das secuencias ilustradas na novela gráfica ‘Xaora’ / CEDIDA

Xa nos títulos das súas obras se apreza o uso, e a defensa, das variedades dialectais (a da Mariña), pero nesta última hai ademais moito refrán, moita fraseoloxía...

Quixen marcar a diferenza entre o galego normativo da moza e o da vella, que garda o saber popular da fraseoloxía. Interésame moito a autenticidade da variedade dialectal, agora mesmo estou na Pontenova, se comparo con Boiro ou con Burela, non é só o que se di, senón como se di, a idiosincrasia vai vestida dunhas palabras, duns tons, dunhas frases... e iso gustábame contalo. Hai un algo de nostalxia nisto, globalizar e que todo sexa igual espántame... E como dicía Tolstoi, cantas á túa aldea e eres universal. E a cultura mariñá oriental está moi pouco presente.

Coa súa primeira novela gráfica afirmaba que quería “xogar coa xuventude, coa incomunicación e con esta sociedade global tan idiota nalgunhas cousas”. Segue vixente esta actitude?

Cento por cento... Os estereotipos aos que nos temos que someter, as cadeas que nos poñemos, as obrigas de estandarizarnos... A incomunicación... A protagonista de Xaora igual o que necesita é máis ben pasar tempo nos bares e socializar. E a incomunicación seguriá indo a máis porque estamos cómodas na casa, temos sofás e teles magníficas e xa non imos aos teatros.

Fala da protagonista, unha xornalista que traballa na TVG. Hai moito de reivindicación laboral nas páxinas de Xaora...

Hai moitos oficios que te poden presionar para a crise, pero creo que o de xornalista neste sentido é bastante ideal. Porque estades moi en precarios e, polo que me din as amigas, todo iso no que se centra a carreira, o código deontolóxico, rompe estrepitosamente na realidade. Unha destas amizades chegou un momento que entendeu que ou se vendía ao poder ou renunciaba a todas as súas aspiracións...

E os xornalistas, a liberdade de prensa, son a esencia dun estado democrático... un piar fundamental que está moi podre, por iso é esencial para min tratalo a razón pola que o recollo na obra... E logo, vexo a Feijóo criticar a televisión pública estatal... Non ten pudor en facer esa crítica tal e como está a TVG.

Agora que fala da información, e como docente que é, hai unha maneira de ‘informarse’ a través de aplicacións coma TikTok, que en realidade son opións de alguén... Como ve esta realidade?

Estou preocupada, porque o vexo nos cativos cada vez máis, eles, onde antes non tiñan opinión, porque antes esa esfera correspondía á prensa e a xente formada, agora téñena porque chegan por TikTok e Youtube. Por exemplo, o pacto con Cataluña estivo presente nas aulas en base ao odio e todo iso forma parte dun pack de río revolto, un paquete que consiste en negar a vacina, a plurinacionalidade, os dereitos dos migrantes...

A educación empezou a mudar a través dos realities nos 2000, vin ese cambio, empezaban a chegar pais dicindo cousas como “es mi verdad”, e ese relativismo tan convinte é o que afecta agora aos seus fillos.