Santiago(é)tapas sortea unha noite de hotel entre os locais participantes na súa XV edición

É unha das novidades xunto co premio á mellor tapa doce // A inscrición remata o 10 de xaneiro

Redacción

Santiago(é)tapas entra xa na recta final da campaña de comunicación que se desenvolveu durante todo o Nadal para anunciar o cambio de datas da XV edición, que se celebrará do 15 de febreiro ao 3 de marzo, e para o que aínda está aberta a inscrición ata o próximo 10 de xaneiro, debendo formalizarse a través da web santiagoetapas.gal.

Como incentivo, entre todos os locais rexistrados, o grupo hostaleiro Alda Hotels sorteará unha noite para dúas persoas nun dos máis de sesenta aloxamentos que ten a cadea galega polo norte e centro de España. Este sorteo entre os locais rexistrados é unha das novidades do próximo Santiago (é) Tapas, que seguirá a mesma dinámica e perseguirá o mesmo obxectivo que edicións anteriores.

Así, volverán establecerse varios roteiros cos establecementos participantes e entregaranse premios ás mellores tapas na categoría de tradicional, creativa, maridadas con viño e cervexa, sen glute e por primeira vez, á mellor tapa doce.

As tapas deberán estar elaboradas con produtos galegos de calidade contrastada, produtos de agricultura ecolóxica ou produtos do mar de Galicia certificados, nunha aposta pola gastronomía galega e os produtos de proximidade.

Haberá obsequios directos para todas aquelas persoas que fagan as etapas completas, para o que terán que ir selando o Tapasporte, e sortearanse numerosos agasallos como ceas experiencias, produtos gourmet e entradas a museos e espectáculos.