Dez comercios composteláns súmanse á campaña de apoio a Palestina 'Sandías pola paz'

A iniciativa, impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD, está tendo unha acollida “moi positiva” entre a cidadanía, poñendo de manifesto o apoio social a esta causa

Trisquel Artesanía é un dos comercios de Santiago onde se poden adquirir as chapas da campaña 'Sandías pola paz'

Trisquel Artesanía é un dos comercios de Santiago onde se poden adquirir as chapas da campaña 'Sandías pola paz' / Coordinadora galega de ONGD

Redacción

Dez comercios de Santiago sumáronse á campaña de solidariedade co pobo palestino Sandías pola Paz, impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD. A acción consiste no reparto de chapas con debuxos de sandías, un símbolo internacional de apoio a Palestina, ata agora pouco coñecido no noso país pero cunha longa historia. Numerosos establecementos e ONG das catro provincias galegas adheríronse a esta iniciativa coa que se demanda un alto o fogo inmediato en Gaza e o cumprimento do dereito humanitario.

Ademais de na ONGD Interred, na Praza do Matadoiro, en Compostela podemos atopar chapas de sandías na perruquería Susana Puente, La tienda de María, Quenlla SCQ, Cousalinda, Libraría Pedreira, Mimolett, Trisquel Artesanía, Lafemme, Bombarda e a xoguetería EscondiT.

Chapas da campaña 'Sandías pola paz' no comercio Quenlla SCQ

Chapas da campaña 'Sandías pola paz' no comercio Quenlla SCQ / Coordinadora galega de ONGD

A acollida da campaña, que xa estivo activa durante o Nadal nalgúns comercios, está sendo “moi positiva” e xerando “moito interese entre a xente que se achega ás tendas”, o que pon de manifesto o apoio social que ten esta causa. Ao longo destas semanas déronse situacións “moi emocionantes” e foron moitas as persoas que se achegaron aos establecementos especificamente a buscar os pins de sandía.

Despois de tres meses de incesantes bombardeos sobre a Franxa de Gaza, o saldo de mortes é devastador, con máis de 23.000 vítimas directas dos ataques, 9.600 delas nenas e nenos, e unhas 6.000 persoas desaparecidas.

Fin do comercio de armas con Israel

A Coordinadora Galega de ONG tamén pediu ao goberno de España, xunto con outras 375 organizacións sociais, poñer fin ao comercio de armas con Israel. A lei de exportación de armas, a posición común europea e o Tratado Internacional de Comercio de Armas prohiben a exportación armamentística a países en conflito ou nos que se vulnere o dereito internacional humanitario, como é o caso de Israel. Mentres que continúe o comercio, España seguirá contribuíndo coa ofensiva militar do exercito israelí en Gaza e Cisxordania, di a Coordinadora.

A información completa sobre a campaña Sandías pola Paz e todos os puntos de recollida de chapas, pódese atopar na web galiciasolidaria.org/sandias-pola-paz/.