O PP demanda ao goberno do BNG un servizo de lavandería a domicilio para os maiores

Esta proposta pretende evitar ou retardar o seu ingreso nunha residencia e dar apoio á rede familiar

A finalidade deste servizo busca a mellora da calidade de vida dos maiores composteláns

A finalidade deste servizo busca a mellora da calidade de vida dos maiores composteláns / ECG

O Partido Popular de Santiago demanda ao Goberno do BNG a posta en marcha dun servizo de lavandería a domicilio para as persoas maiores de 65 anos que se atopen nunha situación que lle impida satisfacer unha necesidade persoal básica da vida diaria polo seus propios medios.

“Dende o PP, incidimos na importancia de coidar aos nosos maiores, polo que a finalidade deste servizo busca a mellora da súa calidade de vida; apoiar e favorecer a permanencia no seu entorno habitual o maior tempo posible; potenciar a súa autonomía persoal no propio fogar e previr situacións de dependencia, risco ou exclusión social”, explicou a concelleira popular, Yolanda Otero. A medida tamén pretende evitar ou retardar o seu ingreso nun centro residencial; e prestar apoio á rede familiar en situación de sobrecarga ou completala no caso de inexistencia de rede familiar de apoio.

A popular Yolanda Otero.

A popular Yolanda Otero. / l.r.

Otero sinalou que o ante o progresivo envellemento da poboación en Santiago “o Goberno nacionalista debería ofrecer ferramentas de apoio que aseguren a súa calidade de vida, polo que, dende o PP incidimos na necesidade da posta en marcha de servizos para persoas maiores, como o de lavandería a domicilio, como ferramenta para ofrecer e garantir os apoios necesarios e axeitados ás persoas maiores de 65”.

Yolanda Otero remarcou que “o servizo demandado articúlase como un instrumento de atención ás persoas maiores ou unidades de convivencia de persoas maiores no propio fogar”.

“Así mesmo, poderá actuar como elemento positivo na redución dos sentimentos de soidade e o illamento involuntario, ao tempo que permitirá evitar que as persoas maiores corran o risco de padecer situacións de perigo ou exclusión social, polo que se define como unha medida idónea dunha estratexia contra a soidade non desexada”, destacou.

O Partido Popular lembra que na actualidade o Servizo de Axuda no Fogar do Concello inclúe a prestación de lavado e coidado de pezas de vestir, poñendo o foco en que “en Compostela residen moitas persoas maiores de 65 anos que non son beneficiarias deste recurso, polo que non contan coa posibilidade dun servizo de lavandería a domicilio”.

Para os populares é “unha realidade” que a poboación maior non deixa de aumentar, o que supón unha pirámide de poboación envellecida. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), no termo municipal de Santiago viven preto de 23.000 persoas con 64 ou máis anos, o que supón máis do 23 % da poboación total do Concello.