FITUR 2024

Compostela: cara a un turismo que conviva coa veciñanza

A campaña “Fráxil” protagoniza a promoción do Concello en Fitur » Pon o acento na necesidade dun cambio de paradigma turístico

Cartel da campaña do Concello de Santiago de Compostela en Fitur. No código QR pode accederse ao vídeo  | // ECG

Cartel da campaña do Concello de Santiago de Compostela en Fitur. No código QR pode accederse ao vídeo | // ECG / B.C. [santIaGO]

B.C. [Santiago]

Santiago de Compostela é un destino turístico maduro e consolidado, que ocupa un lugar de vital importancia na proxección internacional de Galiza e que se sitúa como o principal tractor turístico do noso país. Os datos de 2023 póñeno de manifesto: máis de 1,5 millóns de pernoctas, 3,5 millóns de pasaxeiros no Aeroporto Santiago de Compostela – Rosalía de Castro, e preto de 450.000 persoas peregrinas acreditadas coa Compostela.

   | // ECG

| // ECG / B.C. [santIaGO]

Son uns datos históricos que sitúan a capital de Galiza no momento de madurez preciso para levar a cabo unha transformación profunda do actual modelo turístico. Trátase de evitar que Compostela se desvirtúe como destino, tal e como ten sucedido con múltiples destinos que se acomodaron na súa posición e non foron quen de adaptarse ou adiantarse a situacións de turistificación e de masificación.

 Fotograma do vídeo da campaña de Santiago de Compostela en Fitur  | // ECG

Fotograma do vídeo da campaña de Santiago de Compostela en Fitur | // ECG / B.C. [santIaGO]

Non hai turismo se non hai un lugar o suficientemente atractivo para ser visitado. Que Santiago de Compostela sexa un lugar atractivo para ser visitado depende, nunha porcentaxe altísima, da calidade de vida das persoas que o habitan. O modo en que a veciñanza percibe a súa calidade de vida en relación coas persoas visitantes é precisamente a orixe da campaña “Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade. Tes o dereito a gozar del e a obriga de coidalo”.

A campaña, que atende boa parte das preocupacións e demandas das persoas que viven e traballan en Compostela, é a protagonista da promoción do Concello de Santiago en Fitur, unha das feiras sectoriais máis importantes de Europa. Esta campaña non fai referencia aos atractivos de Compostela, senón que pon o acento na necesidade dun cambio de paradigma baseado na promoción dun turismo consciente, que sexa respectuoso e preserve a vida cotiá da veciñanza, que poña en valor o comercio local, a gastronomía de tempada, a lingua, a cultura propia ou que contemple outros fluxos turísticos alén da obrigada visita ao Obradoiro e á zona histórica. O que se busca, en definitiva, é chegar a segmentos de público que se aliñen con factores de responsabilidade, que exixan un mínimo de calidade na súa experiencia turística e que valoren o coñecemento previo dos lugares que prevén visitar.

Unha das iniciativas de sensibilización máis relevantes para fomentar a corresponsabilidade e o turismo consciente é a difusión, xa en orixe e nos mercados internacionais, do Código de Boas Prácticas do Concello de Santiago. Precisamente para fomentar a difusión destas boas prácticas en ámbitos especializados e, sobre todo, ante axentes do sector turístico a nivel internacional, o Concello de Santiago apostou por rachar cos formatos clásicos de promoción e presentou en Fitur un vídeo que recolle os doce puntos do Código. É un dos materiais promocionais que se utilizarán para incrementar a sensibilización e concienciación sobre o turismo consciente e de calidade, e que continuará ao longo de todo o ano coa difusión de pequenas pílulas audiovisuais, a base de animacións, en canles dixitais como RRSS e webs de grupos de interese.

Código de Boas Prácticas

1. Corresponsabilidade. Un patrimonio colectivo que temos o dereito a gozar e o deber de coidar.

2. Diversidade. Lugar de acollida e respecto á diversidade, que comparten as persoas que habitan e as que visitan, tanto na cidade como no rural. Descúbreo!

3. Autenticidade. Non te deixes levar por pseudo-tradicións ou prácticas inapropiadas.

4. Singularidade. Merca produtos artesanais no comercio local. Participa da nosa intensa vida cultural. Descubre o Santiago capital da gastronomía nos nosos magníficos restaurantes.

5. Calidade ambiental. Deposita o lixo nas papeleiras e colectores. Emprega os aseos públicos e gratuítos, aforra auga e electricidade.

6. Calidade acústica. Celebra a chegada sen exceso de ruído, respectando a poboación. Garda o bastón de camiñar: evita danar o pavimento e aumentar a contaminación acústica.

7. Calidade visual. A paisaxe urbana que te rodea ten un valor excepcional: non é unha área de pícnic nin unha zona de acampada.

8. Preferencia peonil. Se chegas en bici, ten en conta as zonas peonís nas que é preciso desmontar e continuar a pé. Camiña os últimos metros con calma e prudencia.

9. Seguridade. Os grupos numerosos non están exentos de cumprir as normas de circulación.

10. Dereito ao descanso. Santiago ten moitas opcións de ocio: divírtete respectando a quen descansa.

11. Tranquilidade. Goza da paz dos espazos patrimoniais e da calma dos parques e xardíns desta cidade verde.

12. Hospitalidade. Axúdanos a axudarte, Turismo de Santiago de Compostela está ao teu dispor.