Seis mil estudantes de Ensino Medio coñecerán facultades do campus universitario de Santiago

O alumnado de Bacharelato e cuarto de ESO de 96 centros galegos irá entre os días 30 e 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro

Cada participante elixe entre os 15 percorridos ofertados

Alumnado de Ensino Medio participando nos Encontros da USC do curso académico 2022-2023 / cedida

Alumnado de Ensino Medio participando nos Encontros da USC do curso académico 2022-2023 / cedida / lorena rey

Un total de 6.000 estudantes de 96 centros de Ensino Medio de toda Galicia coñecerán entre finais de xaneiro e principios de febreiro a oferta de graos da USC no Campus de Santiago a través dos ‘Encontros na Zona USC’. Trátase da cifra récord dende o inicio dunha iniciativa posta en marcha no curso 2003-2004 e que permite a alumnado de Bacharelato, de cuarto de ESO ou ciclos formativos coñecer de primeira man os centros e servizos que poderán chegar a cursar no seu día. A edición anterior dos Encontros acolleu uns 5.200 estudantes pertencentes a 100 centros de ensino medio.

Este ano celebraranse os días 30 e 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro. “Sempre se fixeron tres días, pero o ano pasado houbo un incremento considerado de alumnado e decidimos ampliar co fin de reducir o número de alumnos/as por xornada”, sinala en conversa con EL CORREO, Maite Flores Arias, coordinadora do programa A Ponte, encargado da iniciativa, quen sinala que se puxo o límite de 1.500 prazas por día quedando cubertas todas elas.

O período de solicitudes remataba este mércores 24 de xaneiro, se ben tivo que pecharse antes ao cubrirse por parte dos centros interesados todos os formularios de inscrición dispoñibles. Nos formularios, cada centro de Ensino Medio debía indicar os seus datos e máis os dunha persoa acompañante, así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido, tendo en conta que “non todos os estudantes dun mesmo centro teñen que facer o percorrido”.

Ofértanse quince percorridos entre o Campus Norte e o Campus Vida, incluíndo a maioría deles a visita de dúas facultades. Ademais do persoal do programa A Ponte hai 60 alumnos titores que están estudando na universidade e tratan de facilitarlles o acceso ao centro aos participantes dos encontros. “Estos alumnos fan un recibimento cunha pancarta co percorrido que se vai a realizar. Lévanos ata os centros solicitados, onde os recibe o profesorado e alumnado, que son os encargados de organizar o que se vai a facer na visita. Ao rematar acércanos ata os puntos de encontro. A maiores, asesoran na formación”, comenta.

Estos percorridos teñen o horario de partida previsto ás 10.30 horas, tendo unha duración de dúas horas a visita (unha hora por centro). Os inicios son dende son as residencias universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa.

Este alumnado preuniversitario incorpórase ás clases e distintos laboratorios das facultades, chegando a participar nas prácticas. “Preténdese que coñezan a dinámica propia da aula e acercalos á realidade o mellor posible”, destaca Maite Flores.

Durante cada visita pode chegar a haber, en palabras de Flores, ata 150 alumnos e alumnas por percorrido, aínda que a media se sitúa nos 80-90. Nese dato inflúe a motivación “xa que hai carreiras máis demandadas” e a limitación do que pode acoller o centro. “En ocasións podemos reunir a máis estudantes que logo no centro se dividen en grupos para ir ensinándolles con detalle todos os espazos”, di. O que se busca cos Encontros USC é unha atención personalizada.

Durante as visitas, Maite Flores asegura que o alumnado mostra interese por aquelo que está observando e coñecendo de primeira man, o que fai que acabe realizando diversas preguntas. Algúns das que máis se repiten son “se é moi difícil e canta xente aproba”. Tamén se cuestionan sobre “o que están facendo os universitarios nunha práctica concreta e as aplicacións que ten”, o que para Flores reflexa as motivacións do alumnado. “En xeral hai interese por coñecer ao que se van a afrontar nos vindeiros anos”, manifesta.

A maiores, e en horario de tarde, realizaranse nas mesmas datas visitas ás residencias Monte da Condesa e Burgo das Nacións, así como ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia, para coñecer as instalacións.

Por outra banda, o Campus de Lugo acollerá ao estudantado nestes encontros os días 2 e 3 de abril, ao incorporarse ás clases despois de Semana Santa. Neste caso, o prazo de inscrición abrirase durante o mes de febreiro. “Antes celebrábase un encontro a continuación do outro polo que os centros optaban ou por Lugo ou Santiago. Desta maneira decidimos, de man dos decanos, escoller dous períodos diferentes para os dous campus.

En definitiva, a coordinadora do programa A Ponte valora que os Encontros na USC cumpren cada ano cos obxectivos. “A organización é complexa ao contar cunha cifra tan elevada de participantes, pero por sorte contamos co apoio de todas as facultades”, declara Maite Flores.