De Camborda a Castaño: estas son as 8 mulleres de Santiago que Raxoi recoñece o 8M

O Día Internacional da Muller celebrarase con actos os días 7 e 8 e con encontros feministas en marzo, abril e maio

Imaxe da marcha feminista no 8 de marzo de 2023

Imaxe da marcha feminista no 8 de marzo de 2023 / Jesús Prieto

As actividades do Concello de Santiago para celebrar o Día Internacional da Muller o venres 8 de marzo desenvolveranse baixo o lema: “Construamos o termo feminista de Compostela”. Un xogo de palabras entre o termo municipal e o obxectivo final de conseguir unha cidade igualitaria. A campaña, que vai ter dous actos puntuais os días 7 e 8 desta semana, vaise prolongar da man da cooperativa 7H con encontros abertos á cidadanía nos meses de marzo, abril e maio.

A presentación da campaña do 8M deste ano realizouna este luns no Pazo de Raxoi a alcaldesa Goretti Sanmartín xunto a 7H Cooperativa. A rexedora da cidade insistiu na estrela de 8 puntas da cidade, xa protagonista no Nadal, que agora integra o cartaz desta edición do Día da Muller.

Unha celebración que o xoves 7 acolle, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia ás 19.30 h., o acto ‘Mulleres de Compostela 2024’. “Un recoñecemento a oito mulleres que ou viven ou traballan na cidade”, explicou Goretti Sanmartín. 

As homenaxeadas na gala, que conducirá a escritora Rosa Aneiros, serán: a cineasta Jaione Camborda; a poeta Yolanda Castaño; Julia López, de Fotos Sandine; María Jesús Lamas, da Agencia Española del Medicamento; Maribel Martín, docente do IES Rosalía de Castro e unha das artífices do Premio Casino; Nanina Santos “referente dos feminismo”, en palabras de Goretti Sanmartín; María Pereira, de Encajes Dosel e recentemente xubilada; e a formación musical Leilía, que este ano se despedían dos escenarios, precisamente, no Auditorio de Galicia. O evento contará, ademais, coa amenización musical do dúo Caamaño&Ameixeiras.

O 8M o Pazo de Raxoi acolle a lectura do manifesto, unha declaración institucional aprobada por unanimidade do Pleno. Na cita farase entrega do Premio Xohana Torres 2023 de ensaio e audiovisual.

Pero a programación a prol da igualdade continúa da man de 7H os días 11 e 22 de marzo, cun encontro de presentación e o debate arredor do ‘termo feminista na memoria’, respectivamente. Os encontros continúan en abril (días 5, 12 e 19) abordando temas coma o urbanismo, a natureza e os coidados e finalizan cun acto de celebración que terá lugar o 4 de maio.

O 8M na USC

A Universidade de Santiago (USC) e o CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas) tamén se unen á conmemoración do 8M. No caso do CSIC o escenario será a Cidade da Cultura, onde entre as 18.30 e as 20 horas se desenvolverá o evento ‘Conversas con merenda. É posible contar a historia doutro xeito?’, da man do investigador Miguel García-Fernández, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

A USC acollerá na contorna de diversas facultades a lectura do manifesto de RUIXEU (Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria). Este martes a Facultade de Ciencias Políticas é a sede da conferencia ‘Diálogos sobre a política e o corpo: unha aposta cultural de La Sociocultural’, ás 17.30 horas.

E o mércores, no Salón Nobre de Fonseca celébrase, ás 12 horas, unha sesión presidida pola delegada do reitor para Igualdade, Marta Pérez Pereiro. Un acto no que se homenaxea a Unidade de Atención Psicolóxica, pola súa traxectoria a prol da igualdade de xénero na USC.

Ademais, pronunciarase o relatorio ‘Muller e saúde mental’. O Arquivo Histórico universitario celebra, ás 17.30 h. do día 8, o acto de homenaxe ‘AstronomAs’, con especial énfase en Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller astrónoma de Galicia.