Santiago

As dúas comerciantes históricas de Santiago homenaxeadas este 8M

María Pereira estivo á fronte da tenda Dosel ata que se xubilou e botou o peche hai poucos meses

Julia López segue indo cada día a traballar en Foto Sandine a pesar de superar os 90 anos de idade

As dúas comerciantes históricas de Santiago homenaxeadas este 8M

As dúas comerciantes históricas de Santiago homenaxeadas este 8M / Jesús Prieto

O Concello de Santiago homenaxeou este xoves a oito mulleres para poñer en valor o seu traballo con motivo do 8M. No acto recoñeceuse a traxectoria de María Pereira e Julia López, dúas figuras históricas do comercio compostelán no sector da artesanía téxtil e da fotografía, respectivamente.

As rúas son (d)elas: unha entrega especial de Calles de Santiago para celebrar o 8M

Javier Rosende Novo

María Pereira: "Esta homenaxe visibiliza as mulleres loitadoras"

A fundadora da tenda Dosel, María Pereira, foi homenaxeada este 8M polo Concello de Santiago

A fundadora da tenda Dosel, María Pereira, foi homenaxeada este 8M polo Concello de Santiago / Jesús Prieto

María Pereira foi homenaxeada uns meses despois de xubilarse e botar o peche da tenda Dosel, dedicada durante 35 anos na rúa Nova á artesanía téxtil. Recibiu este recoñecemento “agradecida, por suposto, aínda que moi abrumada. Emocionoume moitísimo, pero imponme enormemente. Non estaba preparada”.

Pereira considera que actos coma este serven para visibilizar “a mulleres loitadoras, que adoitamos ter máis atrancos aínda que os homes”. Cando Pereira apostou pola súa paixón non agardaba que rematara por ter unha repercusión semellante, xa que só pensaba que era un traballo “marabilloso e fermoso. Sempre tiven sensibilidade especial á beleza”.

Aínda que cada vez hai máis homes no téxtil, a fundadora de Dosel sinala que “sempre foi maioritariamente de mulleres”. Así, indica que “as mulleres temos unha maneira de facer especial, tal vez por unha educación secular, para os bordados e os encaixes”. Na súa traxectoria “tanto a clientela coma o meu equipo foron basicamente mulleres”.

A pesar de que recibir esta homenaxe parécelle “marabilloso”, cre que “non resolve o problema” da situación que atravesa o seu sector, que ve “moi castigado”. Desta maneira remarca que se soubera a maneira de mellloralo “xa a tería proposto, pero francamente a min foime moi difícil”.

Momento “liberador”

Tanto é así que para ela o momento no que decidiu xubilarse e baixar a persiana de Dosel o verán pasado foi un “momento liberador porque era unha decisión moi meditada tras moitos anos traballando moitísimo, cada vez era máis difícil”. Por suposto, tamén foi “satisfactoria” a reacción da clientela porque “a todo o mundo lle daba pena e dicían que non podía ser”.

No relativo ao futuro da artesanía téxtil “preocúpame moito que se deixe morrer, porque xa non se vai recuperar nunca e imos vela só nos museos”. Por iso, recomendaría tomar un camiño semellante ao dela a alguén “que poida vivir de rendas, pero na artesanía ou no campo vexo que hai unha crise á que non se presta a atención que merece”.

Julia López: "O traballo da muller moitas veces non se recoñece"

A dependenta de Foto Sandine, Julia López, foi homenaxeada este 8M polo Concello de Santiago

A dependenta de Foto Sandine, Julia López, foi homenaxeada este 8M polo Concello de Santiago / Jesús Prieto

Julia López ten gañada entre os composteláns a fama de muller incombustible, pois superando a barreira dos 90 anos de idade segue detrás do mostrador do estudo fotográfico Sandine, situado na rúa do Vilar desde hai máis de medio século. Esta impresionante traxectoria serviulle para ser homenaxeada nun acto no que se recoñeceu a mulleres “moito máis novas ca min”, remarca.

Para López esta homenaxe “supón unha sorpresa, agradecemento, e tamén nervios. Ata me parece que durmín peor”, confesa. Así, engade que “non esperaba isto e agradécese moito, sobre todo no que se refire a darlle ese valor ao traballo da muller”. A veterana dependenta remarca que o traballo feminino deuse en moitas ocasións “sen ser recoñecido”. Por iso, considera que “é moi bo este recoñecemento”.

Sorprendidos pola idade

Á súa idade, Julia López relata que cando os clientes entran pola porta “non sabes canto se sorprenden. Entran e non queren falar comigo. Falan con calquera menos comigo”, ri. A cara máis visible de Foto Sandine asegura que sempre lle deu moito valor ao traballo porque permitiu un “gran progreso”, pero agora “son preguiceira. Ao cliente aténdoo o mellor que podo, pero agora son preguiceira. O corpo non perdoa”, ironiza.

López iniciouse no negocio da fotografía xunto ao seu marido e agora acompaña en Foto Sandine a un dos seus fillos. Esa é unha das claves para seguir acudindo día a día a esta pequena tenda da zona vella. “Estou ao lado do meu fillo. Se ten que ir facer unha reportaxe, a porta está aberta. Eu atendo ao que vén e fago o que sei facer. Estou mellor así que soa na casa todo o día”, indica.

“O sector da fotografía está moi mal. A xente saca moreas de fotos, pero non as imprime”

Julia López

— Dependenta de Foto Sandine

Dentro do optimismo que transmite, tamén reflexiona sobre a situación do seu sector que “está moi mal”, aínda que “a nós non nos falta o esencial”. Na actualidade, “a xente saca moreas de fotos, pero non as imprime”. Deste xeito, ve que na zona vella “este tipo de negocios vanse perdendo. Antes había zapaterías ou bos comercios de confección. Agora diso hai moi pouco. Hai tendas de regalos, do que se vende cerca da Catedral”.