O Pleno municipal de Compostela acorda, cos votos de PP e PSdeG, eliminar a zona ORA en Santa Marta

Xan Duro, segue a manter que a medida está a funcionar ben

Os ‘populares’ apoian a moción socialista de “instar á Xunta a exercer as súas competencias na parcela do CHUS”

A zona ORA entrou en vigor no barrio de Santa Marta o día 6 de marzo de este ano

A zona ORA entrou en vigor no barrio de Santa Marta o día 6 de marzo de este ano / Antonio Hernández

Un dos recordatorios máis repetidos nas sesións plenarias en Santiago refírese á obriga de asumir os acordos que de aí emanen, tal e como lembra o PSOE que reclamaba dende a oposición a agora alcaldesa Goretti Sanmartín. Unha máxima que se comprobará nas próximas semanas , xa que o Pleno municipal votou o mércores a favor de eliminar a zona ORA no barrio de Santa Marta, un acordo sobre o que o goberno non ten obriga legal.

PSOE e PP presentaron cadansúa moción ao respecto, que se debateron e votaron en conxunto, conseguindo a súa aprobación cos votos de ambos grupos. Sen embargo, durante as súas intervencións, o edil de Mobilidade, Xan Duro (CA), insistiu en defender que a medida “está a funcionar ben”. Segundo os datos do concelleiro, o pasado martes estacionaron nesa zona 839 vehículos “que antes non tiñan onde aparcar e agora rotan”. 

O Partido Socialista recoñecía en palabras de Gonzalo Muíños “a boa disposición” do goberno con esta medida para “eliminar os vehículos ventosa” que estacionaban na contorna do CHUS, mais consideran que o primeiro paso debe ser “a creación dun aparcamento dimensionado” e reclamarlle á Xunta que “abandone a súa deixadez de funcións” ao respecto de resolver os problemas de mobilidade na contorna hospitalaria.

Algo ao que Xan Duro responde que “de ser certo o de que os coches ventosa agora aparcan na parcela do CHUS teno que resolver a Xunta”. Unha contestación que para o edil socialista “tensiona aínda máis” a negociación entre Concello e Xunta, “hai que rectificar e non empeñarse cando se sabe que non se ten razón”, zanxou.

Menos dialogante foi o posicionamento do PP, que pedía na súa moción a eliminación da zona ORA. “Fomos os primeiros en advertir que a medida non ía solucionar nada”, defendía Adrián Villa, para incidir en que o problema do aparcamento se trasladou agora ao párking do CHUS e insistir en que o Goberno local non acepta a proposta de aparcamento da Xunta “porque foi presentada en campaña por Borja Verea”

Así e todo, os ‘populares’ votaron a favor da proposición socialista, que deixa explícito no seu segundo punto a necesidade de que o Goberno local “prosiga nas negociacións coa Xunta para que esta asuma as súas competencias construíndo un aparcadoiro dimensionado acorde ás necesidades dun equipamento sanitario de ámbito supramunicipal”. Sendo esta a primeira ocasión na que o PP local apoia a competencia do Goberno autonómico na materia.

Plan de Saúde Mental e Centro de Maiores no Ensanche

Dúas das cuestións sociais levadas a debate do Pleno e aprobadas foron impulsar o Plan municipal de Saúde Mental, a proposta do PP, e mais a solicitude de información sobre o estado no que se atopa o proxecto do Centro para persoas Maiores que se situará no edificio, cedido polo Ministerio da Seguridade Social de San Pedro de Mezonzo, a proposta do PSOE. 

Sobre o Plan de Saúde Mental, a edil de UMAD, Pilar Lueiro, explicou que se está a traballar na materia dende o acordo plenario acadado no mes de novembro. Arredor do Centro de Maiores do Ensanche, a edil María Rozas defendeu que se coñece o bosquexo do proxecto e asegurou que cando estea dispoñible o crédito solicitado se licitará o contrato. Rozas puxo o acento en que se trata “dunha obra grande”, que implica adaptación do espazo e que demorará tempo, pero o Goberno local prevé “que entre en funcionamento a finais de 2025”.