Os veciños de Volta do Castro denuncian que este barrio compostelán leva xa "40 anos abandonado”

Presentaron alegacións os orzamentos do Concello ao non atopar ningunha partida para a zona // Demandan reparar o firme, poñer beirarrúas ou arranxos na rede de saneamento 

Os veciños reclaman arranxos no firme e denuncian que algúns viais carecen de beirarrúas

Os veciños reclaman arranxos no firme e denuncian que algúns viais carecen de beirarrúas / CEDIDA

O último Pleno local foi o da aprobación definitiva dos orzamentos para 2024, unhas contas que recibiron, entre outras, a alegación presentada pola Asociación de Veciños Volta do Castro-Rial de Conxo xa que pese ás queixas e mocións aprobadas para que o Concello levase a cabo reparacións no barrio, non había nese documento ningunha partida destinada a tal efecto

“Tenemos una moción validada en el Pleno de noviembre pero cuando repasamos los presupuestos, los más grandes de la historia de Santiago, no vimos ninguna partida para el barrio”, explica o presidente da asociación, Cédric Denolf, que en xullo de 2023 xa presentara un informe no Concello cunha listaxe de reivindicación de servizos “bastante básica” para o edil José Ramón de la Fuente (PP), que defendeu a moción. 

No desenvolvemento do útlimo Pleno, o edil de Economía, Manuel César, expuxo que se desestimaba a alegación aos orzamentos presentada pola veciñanza de Volta do Castro por decisión da área técnica correspondente e asegurou que o Goberno local non emprendería ningunha acción contraria a esa decisión. 

Así e todo, César deixou enriba da mesa a posibilidade de acometer reparacións “nas distintas parroquias” do concello se houbese dispoñibilidade orzamentaria, algo que para Cédric Denlof é “unha esperanza” para que se resolvan, cando menos, os problemas “del firme, el saneamiento y la seguridad viaria” antes de que chegue o próximo inverno.

Tres actuacións básicas

As cuestións fundamentais que o barrio reivindica a través da súa asociación pivotan arredor da seguridade viaria e do saneamento. Segundo explica Cédric Denlof, en conversa con EL CORREO GALLEGO, boa parte do firme dos viais que comunican a zona “está destrozado”, e ademais algúns dos tramos ou ben carecen de beirarrúas ou senón téñenas “destrozadas”. “Estamos hablando de un barrio que lleva 40 años abandonado” di Denlof, que incide ademais en que boa parte da poboación está avellentada, “tiene más de 70 años y problemas de movilidad”.

A situación na que está a rede de saneamento no barrio tamén é moi precaria, “no hay división de aguas fecales y pluviales y a raíz de esto se inundan las viviendas particulares”, explica o presidente da AA.VV. Volta do Castro-Rial de Conxo. 

Sobre este punto pronunciouse no Pleno de 30 de novembro de 2023 o edil de Obras, e veciño da zona, Xesús Domínguez. Segundo el, os informes técnicos de Viaqua expuxeron que “os asolagamentos débense a un problema de deseño da rede, executado coa construción do edificio” e que non salvou a pendente do terreo ademais de ter unhas dimensións escasas, que impiden que poida canalizar a auga.

A solución técnica, explicou daquela o concelleiro, consistía en “conectar cada vivenda á rede de saneamento municipal, porque se trata dun problema da construción”. O que non se aclarou daquela é quen debe acometer dita obra: o Concello ou os propietarios das vivendas.

Problemáticas xa resoltas

Logo da aprobación da moción para a mellora das condicións habitacionais en Volta do Castro-Rial de Conxo si houbo algunhas melloras no barrio, anque non suficientes, “un lavado de cara” para Cédric Denlof, como reparar as rampas de acceso das beirarrúas ou amañar unha rotonda reducindo o seu diámetro para facilitar a manobra de vehículos grandes. 

Outro dos logros da insistencia da veciñanza foi a reubicación dunha marquesiña de espera do transporte urbano. No lugar no que se atopaba había unha rotonda, polo que o bus urbano non podía facer parada alí -e de facela ocasionaría un grave problema de seguridade viaria-. A partir da moción do 30 de novembro a mencionada marquesiña resituouse nunha zona próxima na que se permite a parada do atobús sen risco para os pasaxeiros.