Aprobación definitiva dos orzamentos máis altos da historia de Santiago

A cifra ascende aos 142 millóns de euros

Pese a recriminar que houbo 42 alegacións ao documento o PSOE votou a favor

Os membros do Pleno local gardaron un minuto de silenzo polas vítimas da violencia machista

Os membros do Pleno local gardaron un minuto de silenzo polas vítimas da violencia machista / CEDIDA

O Pleno ordinario celebrado este mércores en Raxoi aprobou de maneira definitiva os orzamentos municipais para 2024, os máis altos da historia de Santiago, acadando a cifra dos 142 millóns de euros. Unha aprobación que, pese a contar cos votos favorables de BNG, CA e PSOE, non estivo exenta de debate e reclamos.

Dende a bancada socialista, a edil Marta Abal afeáballe ao executivo de Goretti Sanmartín que os orzamentos recibiron un total de 42 alegacións, “todo un récord”, enfatizou. A maior parte delas realizadas por traballadores do Concello e debidas segundo Abal “á decisión unilateral do goberno de non pagar a produtividade de 2023”, a pesar de contarse a finais de ano con remanente orzamentario.

O edil de Persoal e Administración local, Manuel César, defendeu que “a interpretación do sobrante que fai Marta Abal non a comparte a área técnica”, polo que o Goberno local “sen informe técnico” non asume esa responsabilidade. Ante as acusacións de falta de transparencia neste asunto, tanto por parte do PSOE coma do PP, César defendeuse afirmando que “toda a información solicitada foi fornecida”

A outra polémica á hora de aprobar os orzamentos definitivos estivo relacionada coas demandas da Asociación Veciñal de Volta do Castro. Segundo Manuel César, as súas alegacións non foron admitidas pero “o goberno terá en conta as demandas das distintas parroquias” se é economicamente posible.

Esixen á Xunta que defina na lei autonómica a vivenda baleira

A vivenda foi tema de debate no último Pleno local, particularmente a vivenda baleira. A edil socialista Mercedes Rosón defendeu que o bipartito demande da Xunta que concrete na lei correspondente unha definición de vivenda baleira que propicie poder botar man dese parque residencial que en Santiago supera os 6.000 vivendas.

A proposta, apoiada por BNG e CA, foi aprobada pero rotundamente rexeitada polo PP. O edil José Ramón de la Fuente instou ao titular de Urbanismo, Iago Lestegás, a tomar como referencia a definición da Lei de dereito á vivenda estatal “xa que o recargo no IBI” -Imposto de Bens Inmobles- é segundo el “algo que lle interesa ao Goberno local”. “Ninguén cre nas súas políticas de vivenda porque a encarecen”, asegurou.

Turismo e patrimonio artesá

O Pleno local aprobou, a proposta do PP, candidatar a cidade para acoller Turespaña 2025, un evento que segundo a edil María Baleato pode contribuír á internacionalización do destino Compostela e a avanzar nun turismo sostible. Algo que tamén defendeu o socialista Sindo Guinarte poñendo o acento na desestacionalización e en ser a primeira cidade patrimonio que organiza este evento en España.

A Corporación tamén aprobou, a iniciativa do PSOE retomar o Plan estratéxico da ouribaría e mais as súas comisións de seguemento, así como a idea de dar pasos para a construción dun museo para este sector de valor “socioeconómico, cultural e patrimonial” para a cidade.