O Principal acolle o 11 de abril a entrega das medallas de ouro de Santiago a Tareixa Navaza e Luis Pasín

Recoñécense como fillos predilectos a pintora Aurichu Pereira e o divulgador cultural Ezequiel Méndez e como fillos adoptivos a o cura José Porto e o profesor Manuel Quintáns

Tareixa Navaza e Luis Pasín recibirán as medallas de ouro da cidade

Tareixa Navaza e Luis Pasín recibirán as medallas de ouro da cidade / ECG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este luns en rolda de prensa no Pazo de Raxoi para anunciar que o vindeiro 11 de abril o Teatro Principal acollerá, ás 19.30 horas, o acto de entrega de honras e distincións no que se entregará a medalla de ouro da cidade á xornalista Tareixa Navaza e ao pintor Luis Pasín

No mesmo evento tamén se nomeará como fillos predilectos de Santiago á pintora Aurora -’Aurichu’- Pereira, a título póstumo, e ao divulgador cultural Ezequiel Méndez; serán nomeados fillos adoptivos da cidade o párroco de Santa María a Real de Sar, José Porto (Portas) e, tamén a título póstumo, ao profesor do EIS Eduardo Pondal Manuel Quintáns (Santa Comba). A alcaldesa tivo palabras de agradecemento para todos eles porque “contribuíron a conseguir unha cidade máis próspera, máis viva, máis crítica, máis feliz”.

Todas as distincións foron aprobadas no Pleno do pasado mes de febreiro “por unanimidade da Corporación”. Sanmartín destacou de Tareixa Navaza que garda “a memoria dun tempo” e valorou a súa loita pola “liberdade das mulleres e na comunicación” así como ser unha informadora “crítica, libre e comprometida”. Tamén tivo palabras de eloxio para Luís Pasín “memoria histórica do barrio de Conxo e defensor do movemento veciñal e de que a cidade se constrúe dende o punto de vista dos veciños”. 

De Aurichu Pereira, máis alá do seu traballo como pintora, puxo en valor os anos nos que rexentou Xanela, na zona histórica, un comercio de roupa que tamén deseñaba. “Impulsor de cineclube cunha prolífica carreira”, a alcaldesa valorou o traballo cultural de Ezequiel Méndez e tamén nesa liña o de Manuel Quintáns, xa desaparecido, mestre do IES Eduardo Pondal “que aprendeu a centos de estudantes a ler”. Do cura de Sar, José Porto, a rexedora valorou a súa preocupación social polo barrio e mais “o seu enganche coas xeracións máis novas”.

Honra ao doutor Baltar “exemplo de militancia cívica e loita pola democracia”

 A gala de entrega de medallas e distinción do vindeiro 11 de abril no Principal tamén vai honrar o doutor Ramón Baltar (a título póstumo), un nomeamento que se aprobou en sesión plenaria en maio do 2023 “por unanimidade da Corporación” e que se vai facer efectiva agora, case un ano despois, como recoñecía a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. 

A rexedora tamén fixo referencia a Baltar como “un exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura”. Mencionou tamén, que o propio Ramón Baltar foi expedientado en distintas ocasións logo do golpe de Estado de 1936. 

“Un profesor de medicina comprometido coa cidade”, destacou a alcaldesa deste médico e cirurxián que loitou por manter o Hospital Real de Santiago (que pasou a ser Hostal dos Reis Católicos nos anos 50), que anque non o conseguiu si logrou que o novo hospital provincial de Galeras asignase unha ala na que se mantivese concepto social do Hospital Real. 

A este respecto, a Comisión cívica a prol de nomear o provincial ‘Ramón Baltar’, recolle a anécdota de xullo de 1954, cando na inauguración do novo hospital o ditador Francisco Franco se dirixiu ao doutor: “Dr. Baltar, ¿estará contento?”, ao que o cirurxián retrocou que si, “pero es pequeño, precisamos hospitales sociales”. Franco interrompeuno dicíndolle que non se preocupara xa que “no faltan hospitales sociales porque en España no va a haber pobres”.

A mecionada Comisión cívica está integrada por persoeiros recoñecidos de Compostela, como Luis Pasín (medalla de ouro da cidade) ou a exconcelleira Encarna Otero, xunto a nomes como o Pilar Sampedro, Luis Folgar, Manuel Fraga, Ubaldo Rueda, Luís Rivero de Aguilar e Suso de Toro. Este último, inspirouse na figura de Baltar para a obra Un señor elegante, a historia dunha familia que acumulaba libros y protexía figuras como Rosalía de Castro, cuxa casa contribuíu a recuperar e formou parte tamén do padroado da fundación que leva o nome da poeta.