A Facultade de Historia da USC culmina a a celebración do seu centenario cun libro que narra a súa evolución

O ex reitor Ramón Villares dirixe o volume, que pretende dar unha “explicación historiográfica e académica” do devir destes estudos

Marco García, Antonio López, Román Rodríguez e Ramón Villares na presentación do libro

Marco García, Antonio López, Román Rodríguez e Ramón Villares na presentación do libro / Jesús Prieto

“A celebración do centenario dos Estudos de Historia comezou hai ano e medio, cando se celebrou o primeiro acto”, rememoraba no Paraninfo da Facultade de Historia o ex reitor da Universidade de Santiago (USC) Ramón Villares, que poñía en valor a necesidade de “conmemorar para evitar o esquecemento” e referíase de seguido a Razón de historia, unha obra dirixida por el mesmo e coordinada polo historiador Alfonso Mato, que contou tamén na súa presentación coa presenza do conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López, e o decano da Facultade de Historia, Marco García Quintela.

“Finis coronat opus” (o final coroa a obra), comentou o ex reitor antes de explicar que o título do volume fai referencia á expresión castelá “dar cuenta y razón” porque do que se trata é de “explicar o contexto historiográfico e intelectual” da evolución dos Estudos de Historia nunha “pálida homenaxe” á obra homónima do historiador e catedrático da Universidade de Zaragoza Juan José Carreras Ares.

Razón de historia fai un percorrido pola evolución desta facultade dende a súa fundación en 1923, os decanos e catedráticos que dela formaron parte, as primeiras mulleres que cursaron nela estudos universitarios, o franquismo, a transición e a evolución dende que as competencias pasaron a ser autonómicas.

E para abranguer tantos anos e tantas figuras destacadas, o volume conta artigos doutros historiadores como os propios director e coordinador da obra -Ramón Villares e Alfonso Mato, respectivamente-, Pilar Cagiao, Felipe Arias Vilas ou Emilio Grandío, entre outros. 

Razón de historia conta tamén con testemuños dalgúns antigos alumnos que, aínda que finalmente non dedicaron as súas carreiras á historia, ou non por completo a ela, como as escritoras Susana Fortes e Anxos Sumai ou os xornalistas e articulistas Miguel-Anxo Murado e Augusto Assía -Felipe Fernández Armesto-. Sobre este último, do que o libro contén un artigo seu publicado en La Vanguardia en 1978 sobre o catedrático de historia da USC Lluís Pericot, Ramón Villares fixo chanza explicando que fora na facultade “dos alumnos menos aplicados pero máis importantes” despois no seu labor.

Como tamén importantes son os fotógrafos que compoñen a parte máis visual de Razón de historia, o histórico fotógrafo Luis Ksado ou o recoñecido Xurxo Lobato, autor das imaxes máis recentes contidas no libro e que contribúen a un estudo sociolóxico a través das aulas da Facultade de Historia.

Os retos do pasado e do futuro

No seu percorrido polo libro e á vez pola historia da facultade, Ramón Villares non quixo deixar de falar dos retos, tanto dos enfrontados no pasado coma os que haberá que afrontar no futuro. Referiuse á “trashumancia” de profesores nos comezos, así como á falta de dotación para poder cubrir as cátedras; a falta dun arquivo na facultade e os intentos de conseguir o traslado do Arquivo do Reino de Galicia, “para poder facer estudos orixinais”; ou a falta de revistas nas que poder publicar as investigacións realizadas, “ata a década dos noventa”.

Dos retos de futuro falaron o reitor e o decano, este último facendo referencia a modificación dos estudos para levar a cabo “ensinos axeitados ao tempo”, tomando en conta cuestións coma a igualdade, o cambio climático ou os avances tecnolóxicos.

E non desaproveitou, Marco García, para reivindicar que as tres administracións: gobernadas polo PSOE -no Estado-, polo PP -na Xunta- e polo BNG -no Concello-, traballasen pola dotación de fondos do Consorcio para levar adiante o Plan director do edificio da Facultade de Historia

Tratar de influír nas tres administracións foi a tarefa que lle encomedou o decano ao reitor e mais ao conselleiro. Este último reiterou a importancia dos estudos de Xeografía e Historia da Arte -tamén recollidos na obra- e, como profesor da facultade loubou que nela “fíxose e faise boa historia, boa docencia e boa investigación”. Román Rodríguez destacou a importancia da “formación humanística das persoas” e lembrou que “o que non sabe historia non sabe nada”.