O Casino abre a votación para que o público elixa a mellor novela europea

Os autores finalistas son: Juan Tallón, Anne Berest, Nicola Lagioia, a galega Berta Dávila e Chris Whitaker

O galardón fallarase o día 30 de abril logo da valoración dun xurado integrado por persoas de diversos sectores sociais

A Asociación Cultural Casino presentou a apertura de votacións para o XVII Premio de Novela Europea

A Asociación Cultural Casino presentou a apertura de votacións para o XVII Premio de Novela Europea / CEDIDA

A Asociación Cultural Casino de Santiago abre este venres 12 o período de votación para que o público xeral elixa a obra gañadora do XVII Premio de Novela Casino. Así o comunicaron na mañá do martes os directivos da asociación, Ubaldo Rueda e Maribel Martín, acompañados polos representantes das entidades colaboradoras: Fuencisla Cid -El Corte Inglés-, Guadalupe Rodríguez -CSC Aurelio Aguirre-, José Antonio Seijas -Asociación Comercio Punto Compostela-, Antón Pedreira -Libraría Pedreira- e Jesús Torres -Biblioteca Pública Ánxel Casal-.

O período de votación estará aberto entre o 12 e o 25 de abril e as obras finalistas son Obra maestra de Juan Tallón, La postal de Anne Berest, La ciudad de los vivos de Nicola Lagioia, Os seres queridos da compostelá Berta Dávila e Empezamos por el final de Chris Whitaker. Todas aquelas persoas amantes da lectura que queiran participar poden facelo nas urnas que se colocarán no propio Casino, nos Centros socioculturais (CSC) de Santa Marta, Conxo, Fontiñas e Ensanche, na área de cultura de El Corte Inglés ou na Biblioteca Pública Ánxel Casal

Un galardón que busca a promoción da lectura pero tamén son, en palabras do propio Ubaldo Rueda, “un pretexto para construír unha Europa diferente, máis empática e con maior concordia”.

Implicación doutras cidades

Segundo o directivo da asociación Casino Ubaldo Rueda, o XVII Premio de Novela Europea tamén pretende fomentar “as relacións cordiais entre pobos e cidades” e proba disto é a extensión da convocatoria de votacións a outras cidades galegas, de diversos puntos do Estado e tamén do estranxeiro, contando con capitais como Moscova e París, Santa Comba Dao, en Portugal ou a cidade principal da baixa Baviera, Landshut.

Desta maneira, tamén pode participar público lector acudindo a votar ás librarías de El Corte Inglés da Coruña, Vigo, Oviedo, Xixón, Avilés e León; ás bibliotecas públicas da Xunta en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo; ás librarías da cadea Santos Ochoa en Logroño, Barcelona, Salamanca e Tudela e na libraría Hugendubel, en Landshut (Alemaña). E mediante a colaboración de diversos profesores e profesoras, haberá lectores que poidan enviar o seu voto dende París (Francia), Santa Comba Dao (Portugal) e o colexio Rosalía de Castro de Moscova (Rusia).

Fallo do xurado: 30 de abril

No afán pola promoción da lectura o certame celebrou debates arredor de catro das cinco obras finalistas, tan só falta por debater La postal de Anne Berest. A cita será o xoves 11 de abril, ás 18 horas, no CSC Maruxa e Coralia da cidade vella. 

Canto á decisión final da obra gañadora desta décimo sétima edición, o fallo producirase o 30 de abril. A directiva Maribel Martín explicaba que unha vez finalizada a votación da sección B do xurado -o público- o 25 de abril, agardarase a chegada das votacións do estranxeiro e un xurado composto por 10 membros de diversos sectores sociais votará as obras finalistas. O resultado final será a suma dos votos das seccións A e B, que se coñecerá o 30 de abril.