Emotivo recoñecemento a 13 mulleres que forman parte da historia viva de Santiago

Raxoi distingue a traxectoria de Jaione Camborda, Julia López, María Jesús Lamas, Nanina Santos, María Pereira, Yolanda Castaño, Maribel Martín e as integrantes do grupo Leilía

A sala Mozart do Auditorio de Galicia acolleu onte a gala de entrega dos galardóns Mulleres de Compostela 2024 / A. HERNÁNDEZ

A sala Mozart do Auditorio de Galicia acolleu onte a gala de entrega dos galardóns Mulleres de Compostela 2024 / A. HERNÁNDEZ / J. Táboas

O programa de actividades na capital galega con motivo do 8 de marzo arrancou onte cun acto organizado polo Concello de Santiago, no que se recoñeceu “as traxectorias profesionais e vitais de varias mulleres que forman parte da historia viva da cidade”. As galardoadas foron Jaione Camborda, Julia López, María Jesús Lamas, Nanina Santos, María Pereira, Yolanda Castaño, Maribel Martín e as integrantes do grupo Leilía.

Baixo o lema Mulleres de Compostela, a sala Mozart do Auditorio de Galicia acolleu a gala de entrega dos galardóns Mulleres de Compostela 2024, que foi conducida pola xornalista Rosa Aneiros, e que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e da Corporación municipal case ao completo. Organizado pola Concellería de Igualdade, este evento pretende “recoñecer de forma pública a traxectoria profesional e vital dunha serie de mulleres vinculadas a Santiago, e que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana”, sinalaron dende Raxoi.

O grupo musical Caamaño-Ameixeiras, formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) y Antía Ameixeiras (violín y voz), foi o encargado de abrir o acto coa peza Florencio. E a escritora Rosa Aneiros, condutora do acto, fixo un repaso polas “mulleres andadoras” que foron facendo camiño como Exeria, a primeira muller peregrina da historia, ou “as nosas queridas Maruxa e Coralia”.

A continuación, foi presentando cada unha das mulleres distinguidas que foron subindo ao estrado para recoller o galardón de mans da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, das concelleiras Míriam Louzao (BNG) e Mercedes Rosón (PsdG) e dos concelleiros Xan Duro (CA) e Borja Rubio (PP). Durante a entrega tamén se visualizou un vídeo sobre cada unha das premiadas.

A alcaldesa pechou o acto recitando un fragmento do texto que a poeta Yolanda Castaño escribiu para Leilía: “Miña irmá, miña irmá, miña amiga/tan igual a min e tan distinta/dáme a man e faremos cordada/vén comigo miña camarada”, que para Sanmartín resume “os valores que queremos destacar arredor do 8 de marzo” como son “a sororidade fronte ao estereotipo da rivalidade feminina”, as diferenzas de “intereses, carecteres e posicións”, a “unidade contra a discriminación” e o feito de ser os “elos dunha cadea” que se vai construíndo ao longo da historia. Para a rexidora compostelá, estas son as características da “loita común” que comparten todas as mulleres distinguidas no acto ás que parabenizou polos seus logros e á súa contribución á historia viva de Compostela. Goretti Sanmartín rematou o seu discurso cun poema de Luisa Villalta, a quen se lle dedica o Día das Letras deste ano sobre Compostela e as súas rúas.

Tras a intervención da alcaldesa, Caamaño e Ameixeiras puxeron o punto final ao acto cunha nova actuación musical.

Galardoadas

Durante o acto, o Concello distinguiu dúas mulleres referentes no mundo da cultura actual: a cineasta Jaione Camborda Coll, que coa súa película O Corno, “un filme cheo de sororidade, de dor, de soidade e de beleza”, acaba de gañar a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián e a poeta e activista cultural Yolanda Castaño, recentemente galardoada co Premio Nacional de Poesía 2023 polo seu poemario Materia. Tamén recibiron o recoñecemento as integrantes de Leilía: Montse, Ana, Merche, Rosario, Patricia e Felisa, grupo nacido en Compostela, pioneiro da música galega e na recuperación da tradición oral que veñen de celebrar a súa despedida dos escenarios tras máis de tres décadas de andaina.

Tamén recibiron o recoñecemento á compostelá de adopción María Jesús Lamas Díaz, directora da Axencia Española de Medicamentos, que tamén o foi do Servizo de Farmacia do CHUS como especialista en farmacia clínica en Oncoloxía; Nanina Santos Castroviejo, historiadora, pioneira do feminismo organizado e promotora dende o ano 1983 de revista galega de pensamento feminista Andaina, “unha voz contracorrente” que “leva toda a súa vida turrando para rematar coa desigualdade que sufrimos polo simple feito de sermos mulleres”.

Outra das mulleres recoñecidas durante o acto foi Maribel Martín, profesora do IES Rosalía de Castro durante máis de 40 anos e impulsora do Premio San Clemente que trouxo á cidade figuras literarias de renome internacional, e que na actualidade é a vicepresidenta da Asociación Cultural Casino de Santiago e coorganizadora do Premio Novela Europea e do Premio Ao Diálogo e á Concordia Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor.

Este recoñecemento municipal tamén o recibiron dúas mulleres referentes do comercio compostelán: María Pereira, que estivo 35 anos á fronte do negocio Dosel de fabricación artesá de tecidos e encaixes tradicionais na Rúa Nova, e Julia López Varela, que con 90 anos segue detrás do mostrador do mítico negocio familiar Fotos Sandine na Rúa do Vilar.