O Concello de Santiago prevé un aforro de 11,4 millóns de euros na construción da estación depuradora da Silvouta

A achega do Estado pasa agora do 65 ao 80% do custo estimado total ao sumárense á EDAR fondos europeos Next Generation

A construción da nova EDAR custará 60 millóns de euros

A construción da nova EDAR custará 60 millóns de euros / Jesús Prieto

A xunta de goberno local celebrada este luns deulle a aprobación definitiva á adenda ao convenio de construción e explotación da estación depuradora (EDAR) da Silvouta, un engadido no que se recolle un incremento por parte da porcentaxe achegada polo Estado, que pasa de ser dun 65% do total de 56 millóns de euros a un 80% de 60 millóns. Así as cousas, o Concello de Santiago poderá aforrar nesta construción 11,4 millóns de euros, “unha magnífica noticia”, en palabras da alcaldesa Goretti Sanmartín, que se congratulou de que “por fin, xa é unha realidade o que vimos comentando hai meses”.

Este incremento da achega estatal farase con cargo aos fondos europeos Next Generation e con eles, segundo informou a rexedora, poderanse “cubrir hipotéticos incrementos de custos derivados de revisións de prezos, liquidacións de contratos ou sentenzas do xurado provincial de expropiacións, así como a adaptación do esquema financeiro inicial”. Desta maneira, aos 300.000 euros achegados polo Concello de Santiago para a redacción e a tramitación do proxecto construtivo e de acometida eléctrica na nova estación depuradora, súmanse os 10.826.000 euros cos que participa a Xunta a través de Augas de Galicia e os 48 millóns que se achegan dende o Goberno central.

A capital galega leva máis de dúas décadas á espera dunha nova depuradora que impida que o 50% das augas que chegan ao Sar o fagan sen tratar, xa que a instalación actual non é capaz de tratar todas elas. Segundo comentaba en febreiro o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, a previsión para que comezasen as obras era de finais de marzo ou comezos do mes de abril, coa aprobación desta adenda nº 1 a solución de augas residuais e pluviais do municipio está un anaco máis preto. 

Obras para o rural

A xunta de goberno tamén aprobou na mañá do luns o expediente de contratación das obras de execución do proxecto para a mellora e acondicionamento do local sociocultural de Enfesta. Unha actuación enmarcada no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos-POS+ 2021) da Deputación da Coruña, para a que se abrirá procedemento de adxudicación por un importe de 102.133 euros (IVE incluído).

A xunta tamén deu luz verde á certificación final da obra de pavimentación do lugar de Coira (na parroquia de Laraño), incluída tamén noPOS+, que contou cun orzamento de 122.414 euros, IVE incluído. As obras realizadas consistiron na substitución do pavimento deteriorado de asfalto por outro de formigón e na instalación dun novo sistema de drenaxe.

Na mesma actuación procedeuse ao acondicionamento do camiño que sae do núcleo polo noroeste cara á vía do tren mediante zahorra estabilizada (para isto último foi necesaria a apertura da caixa, compactación da explanada e limpeza das gabias con recuperación da sección hidráulica para a mellora da drenaxe superficial do viario). Segundo informan dende o Pazo de Raxoi, “na zona central do viario dispúxose un colector de PVC de 400 milímetros de diámetro con pozos de rexistro e sumidoiros para a mellora da drenaxe asociada”.